domingo, 25 de agosto de 2019, 18:54

Luz verde no penúltimo paso parlamentario para a Lei de Patrimonio Natural, que a oposición tacha de "cutre"

|

Ríos, natureza, bosque, árbores

Prevese que o texto, ao que se opoñen os principais colectivos ecoloxistas de Galicia, sexa levado a pleno en dúas semanas

A Lei galega de Patrimonio Natural pasou o penúltimo escollo parlamentario coa aprobación este venres do ditame do proxecto lexislativo, que podería ser sometido a debate nunha sesión plenaria de carácter extraordinario que se prevé celebrar nas próximas semanas.

O texto, que recibiu as críticas dos grupos da oposición no Parlamento galego e dos principais colectivos ecoloxistas da comunidade, queda agora pendente de aprobación definitiva despois de ser aprobado o ditame na Comisión 2ª da Cámara galega grazas aos votos do grupo maioritario, o do PPdeG.

Segundo o portavoz de Medio Ambiente dos populares na Cámara, Gonzalo Trenor, a lei "dota a Galicia dun marco normativo máis moderno e adaptado aos problemas aos que se enfronta na actualidade o patrimonio natural, despois de 18 de aplicación da Lei de Conservación da Natureza".

Con todo, o pasado mércores, catro colectivos ecoloxistas expresaron a súa desconformidade cun texto que "vai en contra da realidade social e natural de Galicia" e recolle aspectos "incomprensibles" como a limitación de superficie para que unha área sexa declarada como parque natural.

Ese día, representantes dos colectivos Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Rede Galega de Custodia do Territorio e a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) mantiveron unha reunión con deputados dos grupos de PSdeG, En Marea e BNG.

"Pérdese unha oportunidade para ter unha ferramenta adecuada para enfrontar os problemas de conservación natural en Galicia", indicou ante os medios Óscar Rivas (SGO). Os colectivos realizan unha emenda á totalidade da nova lei e afean á Xunta que non contase con eles para a elaboración do texto.

Así mesmo, censuran as "présas" por sacar adiante a normativa, que substituirá a unha lei que data de 2001 e que, en palabras de Fins Eirexas (Adega), "foi incumprida sistematicamente" por parte da Xunta. "Reclamamos que se cumpra a lei de 2001. Se non se mellora, esta lei non é necesaria. Sería mellor quedarnos como estamos", aseveran os colectivos.

OPOSICIÓN TAMÉN A CRITICA
Unhas críticas cara á nova lei que tamén se repiten desde a bancada da oposición --PSdeG, En Marea, BNG e Grupo Mixto--. Durante o debate do ditame na comisión deste venres, a deputada socialista lamentou a "democracia de rodete" dos populares, a quen afea que só aceptase sete emendas das 113 presentadas polo seu grupo.

Así, Vilán considera que Feijóo pretende "aparentar que fai algo" despois dunha lexislatura "perdida" coa aprobación "exprés" con "apenas unha hora" de debate dunha lei que modificará unha normativa "que leva 18 anos sen reformar e que levaba dous anos e medio nun caixón da Xunta".

Pola súa banda, o BNG considera "cutre e regresivo" o proxecto de lei, que critican "en fondo e forma" porque a súa tramitación e elaboración "supón un auténtico atropelo ao regulamento e á participación democrática tanto dos grupos da oposición como das entidades sociais".

Para o deputado nacionalista Luís Bará, o texto "presenta carencias importantes como o feito de non ampliar a Rede Natura 2000, con esixencias sen sentido como establecer unha superficie mínima para crear un parque natural que na práctica supón impedir esta figura de protección".