domingo, 25 de agosto de 2019, 18:57

Redondela, Cangas e a illa de Toralla acollerán a rodaxe de 'María Solinha', do cineasta Ignacio Vilar

|

Ignacio Villar, coas actrices Graal Montes e Laura Míguez, e coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na presentación do inicio da rodaxe de María Solinha

As localidades de Redondela e Cangas, e a viguesa illa de Toralla serán os escenarios da rodaxe da película 'María Solinha', producida por Vía Láctea Filmes e dirixida polo cineasta Ignacio Vilar.

O propio director, acompañado polo responsable da Agadic, Jacobo Sutil; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; e as actrices Graal Montes e Laura Míguez, presentou este martes o inicio da rodaxe do filme, que terá lugar entre o 19 de agosto e o 20 de setembro.

Esta película, que conta con financiamento da Agadic e da Deputación de Pontevedra, relata a historia dun director de teatro que chega a Cangas para reconstruír a lenda de María Solinha, unha viúva rica do século XVII que foi acusada pola Inquisición de practicar a bruxaría.

Jacobo Sutil lembrou que este filme é un dos traballos que lograron subvención na convocatoria de axudas da Agadic, dentro da modalidade de longametraxes de ficción, de autoría galega e que contribúan a resaltar a diversidad cinematográfica de Galicia.

Así mesmo, puxo en valor a "oportunidade" que Ignacio Vilar ofrece en cada novo proxecto ás novas xeracións de intérpretes galegos, como o caso de Graal Montes e Laura Míguez, que encabezan un elenco no que tamén estarán Mabel Rivera, Antonio Durán 'Morris', Alfonso Agra ou Mela Casal, entre outros.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, apostou por converter a provincia nun "estudio de cinema", para impulsar a "creatividade" e o "talento" de Pontevedra e de Galicia.

Silva fixo tamén fincapé na figura de María Solinha, unha muller "perseguida e violentada" por unha sociedade patriarcal, do mesmo xeito que outras mulleres que, ao longo da historia, sufriron discriminación por "querer ser independentes, por ter riqueza que o patriarcado non asumía que estivese en mans femininas".