domingo, 25 de agosto de 2019, 18:41

Quintana visita unha lonxa cun eurodeputado galego do PP para "trasladarlle a realidade da pesca galega"

|

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou a lonxa de Ribeira (A Coruña) co eurodeputado do PP Francisco Millán Mon, segundo destaca a Xunta nunha nota de prensa, "para trasladar a Europa a realidade da pesca galega".

Millán Mon, indica a consellería no comunicado, "puido comprobar o funcionamento deste centro de primeira venda co obxectivo de trasladar a Europa a realidade da pesca galega".

A titular de Mar e o europarlamentario reuníronse co xerente da lonxa e co patrón maior de Ribeira e presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores "para abordar a reforma do regulamento de control pesqueiro proposto pola Comisión Europea e que quedou pendente de tramitación na Eurocámara ao terminar a lexislatura".

Este encontro, segundo Mar, supón "dar continuidade á estancia o pasado xullo na lonxa de Ribeira dunha representante da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da UE".

Quintana e Francisco Millán Mon "insistiron este martes na necesidade desta medida e incidiron na importancia de mellorar as condicións de habitabilidade e seguridade a bordo para asegurar a substitución xeracional no sector pesqueiro galego", segundo a Xunta.