miércoles, 16 de octubre de 2019, 05:28

Garcías Costas admite a súa "preocupación" por Barreras pero elude falar do futuro do estaleiro: "Non chegou o momento"

|

José García Costas, presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilgarcía de Arousa, e expresidente de Barreiras.

O expresidente de Hijos de J. Barreras, José García Costas, propietario do 24,5 por cento das accións e que foi cesado pola xunta de accionistas do estaleiro (liderada por PMI, filial da petroleira mexicana PEMEX), admitiu este mércores estar "preocupado" pola empresa, aínda que eludiu pronunciarse sobre a súa situación ou sobre o seu futuro.

García Costas foi abordado polos medios após a súa intervención no acto de clausura dunha xornada divulgativa sobre o 'Brexit', que se celebrou na Cámara de Comercio de Vigo (organismo que preside este empresario do naval vigués) e, no medio dunha gran expectación mediática, foi preguntado pola súa situación no medio da crise do estaleiro.

"Vivo enteiro e arroupado pola miña familia", proclamou e engadiu, á pregunta de se está preocupado: "Eu estou preocupado por todo, e a situación de Barreras, por suposto que me preocupa, pero non vou falar nin unha soa palabra de Barreras".

Así, a pesar da insistencia dos xornalistas, José García Costas, reiterou a súa negativa a pronunciarse sobre a situación do estaleiro, argumentado que "non chegou o momento". "Cando chegue o momento, teredes todos cumprida información (...), xa tedes cumprida información, e o que non tedes inventádesvolo", resolveu, visiblemente molesto cos medios.

Mentres, mantense a incógnita sobre o futuro dun estaleiro que ten unha carteira de pedidos por valor de máis de 800 millóns, que solicitou o preconcurso de acredores e debe negociar a súa débeda, e no que se está estudando o posible cambio de propiedade, ante a eventual entrada do fondo Oaktree, que podería facerse con parte ou coa totalidade das accións.