miércoles, 23 de octubre de 2019, 19:07

Monster Magnet actuarán por primeira vez en Galicia con motivo da súa xira especial dedicada ao exitoso 'Powertrip'

|

Cartel da xira especial de Monster Magnet, que actuará en Santiago en febreiro de 2020

Os americanos Monster Magnet están de celebración. A banda de New Jersey cruzará o Atlántico o próximo ano para traer a terras galegas o seu legado de rock psicodélico e space rock como parte dunha xira especial dedicada ao 'Powertrip', obra clave na súa traxectoria e que supuxo o seu salto definitivo á fama internacional e entre o público máis 'mainstream'.

O grupo liderado polo carismático Dave Wyndorf virá, ademais, a Santiago de Compostela ás portas dun Ano Xacobeo para repasar os grandes himnos que marcaron a súa carreira, como 'Space Lord', 'Temple of Your Dreams' ou 'Tractor' e que permanecen na memoria dos afeccionados a este tipo de tendencias nos anos 90.

Monster Magnet, fundados a finais dos 80, é un dos máximos expoñentes do rock psicodélico, fortemente influenciados por grandes nomes como Hawkwind ou Black Sabbath, o space rock da década do setenta e mesmo o punk-rock.

Wyndorf é coñecido por plasmar nas súas letras a súa paixón polos cómics de Jack Kirby e que tivo unha presenza especial na evolución do son da banda desde o son máis 'stoner' e psicodélico do 'Spine of God', unha das súas obras máis destacadas e que deixou clásicos como 'Nod Scene' ou 'Medicine', a outras grandes pezas como 'Dopes to Infinity'.

A pesar diso, 'Powertrip' (1998), con 20 anos ás súas costas, foi o disco que os catapultó á fama e un dos seus maiores éxitos comerciais.

O concerto celebrarase o próximo 21 de febreiro na Sala Capitol de Santiago de Compostela e as entradas sairán á venda este venres en 'Entradas Ataquilla.com'.