miércoles, 23 de octubre de 2019, 19:03

Os soldos de alcaldes galegos en 2018: Dos máis de 70.000 euros de Caballero e Lores a 11 sen cobrar por este cargo

|

Táboa comparativa de salarios de alcaldes

Máis de 40 concellos galegos figuran na listaxe de municipios que non pasaron información no pasado exercicio, entre eles Ourense

O alcalde de Vigo, Abel Caballero (PSOE), e o seu homólogo en Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), son os dous alcaldes galegos que superaron unha retribución anual de 70.000 euros en 2018, segundo os datos correspondentes a este exercicio do sistema de Información Salarial Postos da Administración (ISPA) difundidos este mércores polo Ministerio de Política Territorial.

Os datos son de 2018, previos por tanto á convocatoria electoral das municipais de maio deste ano, tras as que houbo cambios nalgúns Consistorios e tamén se conformaron novos plenos, coa consecuente nova repartición de dedicacións, salarios e outro tipo de retribucións.

En todo caso, as cifras correspondentes ao pasado exercicio sitúan a dous dos rexedores que continuaron co bastón de mando após os comicios de maio como os que percibiron as retribucións máis elevadas na comunidade, por encima dos 70.000 euros: o vigués Abel Caballero (75.382 euros) e o pontevedrés Miguel Anxo Fernández Lores (71.466 euros).

Por detrás sitúanse os soldos consignados aos rexedores da Coruña, cargo que en 2018 ocupaba Xulio Ferreiro (39.999 euros); de Santiago de Compostela (51.892 euros) --Martiño Noriega deixou de ser o rexedor compostelán tamén após os últimos comicios--; e Lugo (Lara Méndez, que si continúa no cargo, e consta que cobrou 66.840 euros).

De Ferrol, o dato de 2018 sinala que o alcalde cobrou 21.140 euros, aínda que este dato non se axusta ao salario aprobado no seu día polo pleno para Jorge Suárez (de Ferrol en Común e alcalde até o pasado maio), quen tiña asignada unha retribución que rondaba os 40.000 euros.

En canto a Ourense, é un dos 42 municipios galegos que figuran na listaxe das entidades que non facilitaron información. En todo caso, o salario de Jesús Vázquez (PP), rexedor até maio da capital ourensá, superaba os 60.000 euros.

En dicha lista de municipios que non facilitaron información, hai concellos de todas as provincias galegas e están, entre outros, Verín, Ponteareas, Sarria ou Santa Comba.

11 REXEDORES NON COBRARON COMO ALCALDES E MÁIS DE 60, SEN DEDICACIÓN
Aínda que non significa que non teñan retribucións por outros postos --por exemplo o alcalde das Pontes (A Coruña), o socialista Valentín González Formoso, si declara retribución como presidente da Deputación coruñesa--, un total de 11 rexedores galegos aseguran non percibir un euro por este cargo.

En concreto, ademais de González Formoso, comunican non recibir retribucións o ano pasado os alcaldes de Toques (A Coruña); Guitiriz, Guntín, O Páramo e Xermade, na provincia de Lugo; os rexedores ourensáns de Beariz, Larouco, Maside e A Mezquita; e o alcalde de Valga (Pontevedra).

Ademais, aínda que si cobraron outras percepcións (dietas por asistencia a plenos, por exemplo), máis de 60 alcaldes galegos declararon non ter dedicación: 14 na Coruña, 13 en Lugo, 28 en Ourense e sete en Pontevedra.

Con todo, aínda que algúns alcaldes declararon non ter soldo, si cobraron cantidades significativas por outros conceptos que non se detallan. O rexedor de Ares (A Coruña), por exemplo, declara cobrar 20.213 euros por outras retribucións ou o de Carballedo (Lugo), 20.500 euros.

SILVA E BALTAR, OS MAIORES SALARIOS NAS DEPUTACIÓNS
En canto aos salarios dos presidentes das deputacións galegos, o máis elevado en 2018 atribúeselle á titular de Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva (74.013 euros); seguida do seu homólogo en Ourense, o popular Manuel Baltar (72.325).

González Formoso (PSOE), presidente da Deputación da Coruña, cobrou 65.831 euros; e o presidente da Deputación de Lugo, que en 2018 era o socialista Darío Campos --substituiuno o tamén socialista José Tomé tras os comicios de maio--, 65.832 euros.

CONXUNTO ESTATAL
No conxunto do Estado, os alcaldes de Madrid, Barcelona, Bilbao e Valencia son os que máis cobran do país segundo o ranking de soldos que publicou o Ministerio de Política Territorial, con retribucións de 103.667, 99.999, 92.911 e 85.602 euros, respectivamente.

No outro extremo de soldos atópanse Colunga (Asturias), Marchamalo (Guadalaxara) e San Martín y Mudrián (Segovia), que aseguran ter dedicación exclusiva tamén pero cobran, cada un, 6.059, 4.623 e 929 euros anuais.

Do total do país, 2.620 alcaldes aseguran non cobrar ningunha retribución polo seu traballo e dos que si declaran ter ingresos municipais, 1.515 aseguran dedicarse en exclusiva ao concello. Os que máis ingresan son os alcaldes das grandes cidades, coas tres capitais vascas no seis primeiros postos.

Despois de Madrid, Barcelona, Bilbao e Valencia sitúanse o alcalde de San Sebastián (83.869 euros) e o de Vitoria (82.416).

Os soldos dos concelleiros seguen unha orde parecida ao dos seus alcaldes e nos primeiros postos figuran os edís madrileños e barceloneses, por encima a maioría dos 80.000 euros (hainos con menos ingresos por ter menor dedicación).

Non hai con todo concelleiros por baixo dos 20.760 euros, que son os ingresos de Canet de Mar (Barcelona) en 2018, sen dedicación exclusiva. Si declaran con todo esta dedicación os edís de Santa Oliva (Tarragona), Barbadás (Ourense) e Toén (Ourense), que ingresan tamén 20.780 euros anuais.