miércoles, 23 de octubre de 2019, 19:04

Piden catro anos de prisión para un acusado de tráfico de haxix e cocaína en Santiago durante 2015 e 2016

|

O Ministerio Fiscal pide catro anos de prisión para un home ao que acusan de formar parte dunha rede de tráfico de drogas que operou en Santiago durante 2015 e 2016. Por estes feitos a fiscalía impútalle un delito contra a saúde pública e unha multa de 100 euros.

En concreto, o texto da Fiscalía manifesta que o procesado, G.B.R., "con ánimo de menoscabar a saúde pública" e a través "do seu número de teléfono", contactaba con compradores de sustancias estupefacientes, xeralmente cocaína e haxix. Máis tarde quedaba con eles para a entrega das substancias nun lugar de Santiago, prosegue o documento.

Pola súa banda, G.B.R. argumentou que nunca chegou a quedar con esas persoas para comprar droga e que todo o que consumiu, "cocaína esporadicamente e haxix", foi porque llo deron. Ademais, precisou que nas súas conversacións e mensaxes cos outros acusado falaban de haxix e non de cocaína.

Con todo, as testemuñas policiais que acudiron ao xuízo manifestaron que a linguaxe que utilizaban os implicados adoita referirse a cocaína e non haxix, "cando se fala de haxix adoitan utilizar a palabra 'chocolate' no canto de 'libro'", que é o recurso máis repetido nas mensaxes que intercambiaron.

Ante todo isto, o acusado sostivo a súa inocencia, xa que "nunca chegou a comprar a droga", só a consumiu "nunha mala etapa" da súa vida. Neste sentido, a defensa engadiu que cos argumentos da Fiscalía "non quedou acreditado que realmente adquiriu a droga" e considera "desproporcionada" a pena de catro anos.

O caso quedou visto para sentenza e forma parte dunha causa na que hai 15 implicados. Segundo o escrito do Ministerio Público, recollido por Europa Press, dende xuño de 2015 e ata maio e xuño de 2016, momento no que foron detidos, os procesados contactaban por teléfono con subministradores e compradores de estupefacientes, xeralmente cocaína e haxix, cos que máis tarde quedaban en Santiago ou no domicilio dalgún deles.

Así, para 12 dos acusados, entre os que se atopa G.B.R., a Fiscalía solicitou catro anos de cárcere. Ademais, para a maioría pídese unha multa de 100 euros, aínda que para algúns deles esta contía ascende a case 37.000 euros.

De igual modo, para outro tres acusados --A.G.G., JA.G.Q. e A.N.B-- que xa contaban con antecedentes penais solicítanse seis anos de prisión con multas entre os 100 e os case 10.000 euros.

Así mesmo, Fiscalía pide o comiso do tres vehículos utilizados para estas actividades ilícitas, así como os móbiles, diñeiro e outros efectos que lles foron incautados.