miércoles, 16 de octubre de 2019, 05:26

Yolanda Díaz insta a Xunta e Goberno a "salvar" o naval: "Isto é o que non debería deixarlles durmir"

|

A deputada Yolanda Díaz, con delegados de CCOO do sector naval de Vigo, na porta do estaleiro Barreiras

O comité de Vulcano espera que aparezan investidores tras a liquidación do cadro e tentará a "recolocación"

A deputada de Galicia en Común, Yolanda Díaz, instou este venres a Xunta e Goberno central a tomar medidas para "defender e salvar" un sector estratéxico, como é o naval, e sinalou, en relación ao peche de Vulcano e á crise de Barreras que "isto é o que non debería deixar durmir a ninguén que goberne".

Así o trasladou, en declaracións aos medios, após participar nunha reunión con delegados do naval de CC.OO., e fixo un chamamento á "mobilización" en defensa deste sector, que "é un pulmón" da economía galega, e que "ten visos de que vai pasar malos momentos, se non se toman decisións".

A deputada de Galicia en Común reclamou "información sobre que pasa realmente no sector" e, de forma particular, no estaleiro Barreras (onde os accionistas están a negociar a venda ao fondo Oaktree). "Hai opacidade, é inaudito que os representantes sindicais non teñan acceso á información, e é antidemocrático, porque os galegos temos dereito a saber que pasa en Barreras", denunciou.

A ese respecto, afirmou que "hai unha complicidade dos poderes públicos" na crise do estaleiro vigués, e lembrou que "a Xunta no seu momento entregou 6 millóns de euros a Barreras transferindo tecnoloxía". "Estamos ante procesos que non entende ninguén, as xestións son moi malas, e veremos se non son culpables", engadiu, á vez que urxiu "que se dea unha salvagarda a Barreras para terminar os traballos pendentes, e que teña carga de traballo futura".

Yolanda Díaz apuntou que outros países da UE "non permitirían que caia un sector como o naval" e "os gobernantes terían que defender á súa xente". "Isto é o que non debería deixar durmir a ninguén que goberne, que se peche Vulcano, que poida caer Barreras", sentenciou.

"SOLUCIÓN COLECTIVA"
Pola súa banda, o responsable de Industria de CC.OO. en Galicia, Víctor Ledo, esixiu que se convoque de maneira urxente unha mesa do naval na provincia de Pontevedra, e que a administración "non estea de perfil", porque "estamos a asistir día a día a unha sangría de despedimentos".

Así mesmo, reclamou que se teña en conta a situación de cada estaleiro pero, incidiu, a crise do naval pasa por unha "solución colectiva", que dea resposta tamén aos centos de pequenas empresas auxiliares.

VULCANO
Por outra banda, tanto Díaz como Ledo participaron este venres nun encontro co cadro do estaleiro Vulcano, cuxos membros se reuniron en asemblea para analizar a súa situación despois de que o xulgado mercantil emitise xa o auto de extinción colectiva de contratos.

Segundo explicou, en declaracións aos medios, o presidente do comité, Nicolás Sangabriel, os traballadores xa teñen á súa disposición o certificado da empresa, a liquidación e as cartas de despedimento, de modo que xa poden tramitar as súas prestacións.

Agora, unha vez liquidado o cadro, o comité espera que poida aparecer algún investidor que se faga cargo das instalacións e queira manter a actividade produtiva. "Teremos que estar pendentes e á espera, para tentar activar a recolocación. Agora é o momento de que aparezan os investidores, e aquí estaremos os traballadores", recalcou.