miércoles, 23 de octubre de 2019, 19:06

Suspendida a análise dos recursos para que as partes se pronuncien sobre a denuncia de borrado de datos

|

Accidente do Alvia en Angrois

A Audiencia Provincial da Coruña decidiu suspender a deliberación sobre os recursos presentados ao peche da instrución da causa polo accidente do Alvia en Angrois e deu un prazo de tres días ás partes para que se pronuncien sobre o escrito presentado en sede xudicial no que se denuncia un posible borrado de datos de avarías no tren.

Estaba previsto que este venres se reunise a Audiencia Provincial para analizar os últimos recursos presentados na causa tras o peche da instrución, o paso previo á posible apertura de xuízo oral pola causa aberta tras o accidente ferroviario do 24 de xullo de 2013.

Con todo, apuntan fontes xudiciais, a sección sexta decidiu "suspender" esta deliberación tras recibir na propia Audiencia un escrito "no que se menciona a posible existencia de novas probas".

O escrito ao que fai referencia é unha declaración xurada asinada por un técnico que entón traballaba na empresa Talgo e que asegura que directivos da compañía ordenaron borrar da base de datos "todas as avarías" detectadas no tren accidentado transcorrida unha media hora do sinistro no que morreron 80 persoas. A acusación foi negada por Talgo, que asegurou que "é tecnicamente imposible eliminar" os datos sobre avarías.

No entanto, e ante esta declaración por escrito, a Audiencia Provincial deu un prazo de tres días ás partes para que "se pronuncien" sobre os novos datos e, a continuación, a sala decidirá se resolve os recursos ao peche de instrución ou se, pola contra, é necesario "devolver a causa ao xulgado de instrución", reabríndoa, para que se amplíen as investigacións nesta liña.

De feito, nun escrito remitido ao xulgado que investiga a causa, o de instrución número 3 de Santiago, o avogado da plataforma de vítimas, Manuel Alonso Ferrezuelo, solicita ao seu titular, Andrés Lago Louro, que cite como testemuñas tanto a este técnico que agora facilita a información como ao xefe do taller, o director de mantemento e o administrador de sistemas informáticos.