miércoles, 23 de octubre de 2019, 19:05

O BNG reclama a Bruxelas unha normativa específica a nivel europeo sobre os xogos de azar

|

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, co presidente de Agaja, Juan Lamas

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, reclamou á Comisión Europea que articule unha normativa específica a nivel comunitario sobre os xogos de azar que "garanta" a protección dos consumidores con especial atención aos menores de idade.

Miranda, que rexistrou a petición a través dunha pregunta á Comisión, mantivo un encontro co presidente da Asociación Galega de Xogadores Anónimos (Agaja) e a Federación Española de Xogadores de Azar Rehabilitados (Fejar), Juan Lamas.

A responsable nacionalista indicou que "a propia Comisión recoñece" a través da resposta á pregunta efectuada polo Bloque "as consecuencias sociais e sanitarias da ludopatía", polo que insta as Institucións Europeas a non conformarse con "animar" aos estados membros a establecer medidas de protección.

Así, lamenta que continúe a "proliferación" dos establecementos en Galicia e en todo o Estado. "É curioso que das 1.800 inspeccións realizadas fai dez días en locais de xogos tivesen como resultado 200 denuncias, con 28 menores detectados e 184 persoas indocumentadas", sinalou Miranda en referencia á operación 'Arcade' desenvolvida nos últimos días en diferentes puntos de España.

En relación a isto, Miranda preguntou á Comisión Eueropa tense coñecemento desta operación e se vai instar aos estados membros a desenvolver este tipo de medidas "periodicamente" para garantir que os menores non empreguen as casas de apostas.