miércoles, 23 de octubre de 2019, 18:49

Medio Rural orientará a nova lexislación forestal á prevención de incendios

|

Imaxe de José González falando ante a prensa.

O conselleiro do Medio Rural, José González, avanzou este venres que o seu departamento está a traballar na actualidade nunha nova lei de prevención e extinción de incendios forestais que estará orientada a "anticiparse ao problema", polo que porá o seu foco na prevención.

"Advertimos desde un primeiro momento que a loita contra os incendios pasaba por anticiparse ao problema, por traballar moito máis na prevención e estamos nesa liña de potenciar esa prevención e queremos que a lexislación se adecúe a esta forma de traballar", asegurou González ante a prensa, antes de asistir á firma do convenio polo que se formaliza a concesión dunha subvención á Mancomunidade de Montes de Vigo para fomentar a inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero.

Xa na súa comparecencia no mes de febreiro no Parlamento de Galicia, o conselleiro do Medio Rural avanzara que a Xunta pretendía elaborar unha nova lei antiincendios antes do final da lexislatura, polo que este venres sinalou que o seu departamento vén de iniciar un proceso participativo no que estarán presentes, a través de diferentes grupos de traballo, o servizo de prevención e extinción de incendios de Galicia, pero tamén as universidades, así como o centro de investigación de Lourizán e "todo o sector", para así "orientar a lexislación ao que se busca, que é traballar nesa prevención e anticipación ao problema".

"Dentro da futura lei, pedinlles ao servizo que como eles teñen a experiencia do que se leva facendo coa lexislación actual, que se faga unha primeira análise para ver aquelas cuestións que se teñen que mellorar", destacou José González, após o que engadiu que aínda se está nunha fase "moi inicial".

Segundo González, é necesario que o servizo de prevención e extinción sexa "público, único e versátil" e, ao seu xuízo, "esa versatilidade ten que vir coas súas achegas". "Estamos a dar os pasos que xa advertimos para levar o noso dispositivo a un maior esforzo á prevención", apostilou.

"Temos que ter, por suposto, servizo de extinción, porque imos seguir tendo incendios, pero temos que tentar que os seus efectos sexan o máis pequenos posible. Para iso queremos reforzar a liña de prevención", sentenciou o conselleiro.