martes, 7 de julio de 2020, 08:53

Piden 19 anos de cárcere para un home por reter, agredir sexualmente e humillar a unha muller

|

A Fiscalía reclama 19 anos de prisión para un home por reter en contra da súa vontade a unha muller no seu domicilio, onde a agrediu sexualmente e someteuna a prácticas degradantes e humillantes. O xuízo está previsto para os días 16 e 17 deste mes, en Ourense, sobre as 09,30 horas.

O acusado, J.G.J., citouse coa vítima, L.C.P., do 4 ao 5 e do 6 ao 7 de xaneiro de 2018 no Hostal A., na cidade de Ourense, onde mantiveron relacións sexuais consentidas. Durante a mañá do último día, o home convenceuna para que o acompañase até o seu domicilio, onde vivían os seus pais (LM.G.M e A.G.J.) e irmáns (AA. e JL.G.J.).

Unha vez na vivenda, o acusado obrigouna a permanecer alí mediante unha conduta violenta, agresiva e continuas intimidacións, ademais de privala do seu teléfono móbil e permitíndolle contactar coa familia mediante Whatsapp e após comprobar previamente o contido das mensaxes.

A vítima permaneceu no domicilio até o día 26 do mesmo mes, sen permitírselle saír da vivenda e dos arredores. Así mesmo, axentes da CNP achegáronse a preguntar polo paradoiro da muller, ao que os ocupantes do inmoble respondían que non se atopaba alí.

O acusado obrigou á vítima a manter relacións sexuais todos os días, contra a súa vontade, e ameazándoa de morte e con tirala ao pozo que se atopaba na leira, ademais de golpeala.

Cando se negou nalgunha ocasión a algunha das peticións, o home ameazouna con dispararlle cunha escopeta, e someténdoa reiteradamente a un trato degradante, con constantes humillacións, vexacións, consumo de estupefacientes, e a prácticas como cortarlle o pelo, bañarse en auga fría ou comer o seu vómito.

O home, segundo o escrito da Fiscalía, contou coa colaboración dos seus pais e irmáns para evitar que ela puidese escapar do seu control e do domicilio.

En concreto, está acusado de delitos de agresión sexual, detención ilegal, coaccións e lesións e a Fiscalía tamén pide tres anos de cárcere para os seus pais e os seus irmáns por axudarlle a reter á vítima.