miércoles, 23 de octubre de 2019, 18:55

Meteogalicia activa un aviso amarelo por choivas para este domingo nas provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra

|

Aviso amarelo de Meteogalicia para o domingo 13 de outubro de 2019.

Meteogalicia activou para este domingo o aviso amarelo pola fronte fría que entrará polo oeste en Galicia e que deixará choivas intensas ao longo da xornada. En concreto, a alerta estenderase a partir de madrugada desde o litoral oeste da provincia da Coruña até case todo o territorio de Ourense e Pontevedra.

Segundo a información da web de Meteogalicia, esta situación, debida a unha borrasca que se situará sobre Irlanda, deixará abundantes precipitacións que darán lugar a acumulacións de máis de 40 litros por metro cadrado.

En concreto, o aviso amarelo comezará ao redor das 3,00 da madrugada na costa oeste da Coruña e irase desprazando cara ao leste ao longo do día. Deste xeito, a partir das 21,00 e até as primeiras horas do luns, a alerta xa só quedará activada na montaña ourensá.

Este será a primeira fronte fría do outono na Comunidade galega, que deixará choivas xeneralizadas en toda o territorio, aínda que máis abundantes no sur, e temperaturas máximas por baixo dos 20 graos na maioría de puntos.

Tras un sábado cun tempo de transición, os primeiros ventos intensos e choivas abundantes entrarán polo oeste xa na madrugada e na mañá do domingo.

A afectación desta fronte bastante intensa podería estenderse á xornada do luns, que terá características similares, aínda que as choivas minorarán co paso das horas. Esta primeira fronte fría dará paso ao tempo de outono en Galicia.