martes, 7 de julio de 2020, 08:29

A Xunta dá por estabilizado un incendio forestal no Parque do Xurés que afecta a Galicia e Portugal

|

A Consellería do Medio Rural dá por estabilizado un incendio forestal que afecta o Parque Natural do Xurés a ambos os dous lados da fronteira entre Galicia e Portugal.

A Xunta informa de que o lume se iniciou ás 16,00 horas deste sábado con varios focos simultáneos en Galicia e Portugal. Segundo as últimas estimacións, as chamas calcinaron catro hectáreas de territorio galego.

O incendio permanece estabilizado desde as 18,08 horas. Nas tarefas de control, nas que tamén participan medios portugeses, traballaron dous axentes, sete brigadas, dúas motobombas e medios aéreos.

Ademais, o incendio que desde a tarde do venres afecta á parroquia de Requeixo do municipio ourensán de Chandrexa de Queixa (Ourense) queimou xa 50 hectáreas e, nestes momentos, permanece estabilizado.

O lume dábase por controlado a última hora do venres, pero o forte vento que sopra na zona provocou que as chamas se reavivasen durante a madrugada.

Nas tarefas de control participaron cinco axentes, 30 brigadas, catro motobombas, pas e medios aéreos.