martes, 7 de julio de 2020, 07:11

Diminúen un 6,8% as denuncias por violencia de xénero en Galicia e aumentan as vítimas que rexeitan declarar

|

Os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre deste ano 1.607 denuncias por violencia de xénero, un 6,8% menos que en 2018, un período no que, ademais, aumentou un 13,7% a cifra de mulleres que se acolleron ao seu dereito a non declarar no procedemento.

Segundo a información difundida este luns polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), a gran maioría das denuncias (1.210) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. Das 1.545 vítimas rexistradas, 1.282 eran españolas, mentres que o 17%, 263, eran estranxeiras.

Ademais, segundo o informe, neste período rexistrouse un incremento no número de mulleres que se acolleron ao seu dereito a non declarar no proceso. Se no segundo trimestre de 2018 foron 117, nesta ocasión foron 133, o que supón o 8,6% do total e un 13,7% máis que hai un ano.

Galicia situouse como a terceira comunidade coa taxa de violencia de xénero máis baixa do Estado, con 11 vítimas por cada 10.000 mulleres, fronte ás 16,2 de media nacional, por encima só de Aragón e Castela e León.

ORDES DE PROTECCIÓN E CONDENAS
Durante o segundo trimestre do ano solicitáronse 524 ordes de protección nos órganos xudiciais da Comunidade, fronte aos 482 do mesmo período de 2018, o que supón un aumento do 8,7%. Delas, adoptáronse o 62%.

En canto ás resolucións xudiciais, o 79,3% das sentenzas emitidas entre abril e xuño foron condenatorias. De feito, foron condenados o 78,8% dos axuizados, a maior parte de orixe española. Entre os axuizados destacan catro menores, dos que tres foron condenados con imposición de medidas e un condenado sen imposición de medidas.