sábado, 7 de diciembre de 2019, 05:44
UNIVERSIDADE

O Sistema Universitario recibirá no 2020 o maior importe en transferencias directas da Xunta

|

Image gallery


A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional dedicará en 2020 ao Sistema Universitario de Galicia o maior importe en transferencias directas, arredor de 441 millóns de euros. Isto representa un 2,63 % máis que no actual exercicio e un 18% de crecemento con respecto a 2015. Así o explicou esta mañá a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, Carmen Pomar, durante a presentación no Parlamento das contas da Consellería para o vindeiro ano.


No Orzamentos 2020 o compoñente estrutural do Plan de Financiamento das Universidades 2016-2020 –que inclúe os incrementos retributivos do persoal das universidades– ascende a mais de 335 millóns. A eles súmanse as transferencias de crédito ás universidades, que acadan un importe de 76,7 millóns e experimentan tamén unha suba do 3,1 por cento, polo incremento do crédito asociado a resultados de investigación e transferencia de coñecemento, así como no panel de indicadores do Plan. Engádese tamén a partida dirixida a bolsas, que se mantén.


No referido a Universidades a conselleira destacou tamén a partida de 64 millóns de euros para Investigación Universitaria, un 4,3% máis ca este ano, co fin de seguir construíndo un modelo de I+D+i no SUG que sexa un referente a nivel estatal.



Aposta polas persoas


Na súa comparecencia a conselleira fixo fincapé en que o orzamento de 2.447,6 millóns euros do que disporá o seu departamento o ano próximo (un 2,34% máis ca en 2019) “é importante na medida en que serve ás persoas actoras no sistema educativo, ao alumnado en primeiro lugar, ás familias e ao profesorado”. Neste sentido destacou que Galicia é a terceira comunidade en investimento por alumno (descontando as que contan con réxime foral), con 6.598 euros/alumno en centro público, “que son 1.000 euros máis que a media española”.


Ademais, o programa “Prevención do Abandono Escolar” dos orzamentos do ano próximo acada unha cifra de máis de 26,2 millóns, para continuar diminuíndo a taxa de abandono educativo temperá. O ano 2020 é o fito que a Unión Europea marca para que o abandono educativo temperá se sitúe por debaixo do 10 por cento, porcentaxe que no caso de España se fixa no 15 por cento. A finais de 2018 Galicia cumpriu xa co obxectivo da Unión Europea para o 2020 en España: baixar dun 15% nesta taxa. “No ultimo trimestre deste ano está xa no 12,7 por cento, cumprindo así o ambicioso obxectivo que fixaba o Plan Estratéxico de Galicia do 13 por cento para o ano 2020”, sinalou Pomar.


Así mesmo lembrou que as nóminas directas e indirectas (persoal docente e non docente e investigadores) supoñen o 89% do total do orzamento da Consellería. Nesta liña, comprometeuse a seguir dando cumprimento ao acordo de homologación salarial dos docentes, “que permite que as súas retribucións estean por riba da media dos seus compañeiros noutras Comunidades Autónomas”; así como a lanzar unha nova Oferta Pública de Emprego (OPE) que supere as cifras do presente ano, con preto de 90 especialidades, “para reforzar a Galicia como a comunidade coa taxa máis baixa de interinidade de España”. Neste sentido recordou que desde 2009 se teñen convocado máis de 9.000 prazas.


No marco do compromiso coa peza clave do sistema educativo, os docentes, Carmen Pomar explicou que as contas do 2020 inclúen 7,2 millóns de euros para formación xeral e específica do profesorado, “a cifra máis alta de toda a serie histórica para investir no activo mais importante do sistema”.


Image gallery1


Libros de texto e complementarios


No referido ás familias, seguiranse mantendo as axudas para libros e material escolar, así como os servizos complementarios de comedor e transporte. Deste xeito, as axudas a material escolar, “unha partida que non existe noutras comunidades autónomas”, contarán con 5,5 millóns de euros. Ademais haberá máis de 5 millóns de euros para axudas á compra de libros de texto e duplícase a dotación existente o ano pasado (ata acadar os 10,3 millóns) para permitir mudar os libros no fondo solidario, pero tamén para incrementar a cifra destinada a distintas accións de bibliotecas escolares, que supera os 2,5 millóns. Nesta mesma liña, a dotación para material didáctico Edixgal (que lles proporciona ás familias libros electrónicos de balde) ascende a preto de 800.000 euros, cun incremento do 14,5%.


No caso dos servizos educativos complementarios –comedores e transporte-, o orzamento acada os 108,4 millóns de euros. A partida correspondente a comedores escolares mantense nas mesmas magnitudes que o ano anterior, é dicir 28,8 millóns, o que permite que máis de 62.000 alumnos accedan ao comedor, o 84% de xeito gratuíto ou pagando un euro por menú. A esa partida débese engadir os máis de 18 millóns de euros en salarios dos máis de 700 profesionais (cociñeiros e axudantes de cociña) que xestionan directamente os comedores, o que supón un total de 46 millóns de euros.


No caso do transporte, os 79 millóns de euros destinados por Educación a este servizo súmanse aos 50 millóns do transporte compartido xestionado pola Dirección Xeral de Mobilidade e permitirán transportar a case 90.000 alumnos.” A este importe debemos engadir algo máis de 1 millón destinado ao transporte do alumnado que realiza os programas de reforzo educativo fóra do horario lectivo”, especificou a conselleira.


A este respecto Pomar destacou que Galicia representa menos do 4,9% da poboación escolar do conxunto do Estado, “pero consume o 27,2% do conxunto de gastos a nivel nacional en transporte escolar e o 14,9% do conxunto do gasto en capitulo I e II en comedores escolares, o que dá boa conta do esforzo da comunidade autónoma nestes servizos complementarios”.



Mellora das instalacións


Por outra banda, a responsable de Educación na Xunta explicou que se seguirá avanzando na mellora dos centros educativos, cun investimento de 43,3 millóns de euros (un 19% máis). Esta dotación vai permitir realizar 10 obras de rehabilitación integral e funcional, cun orzamento global de 8,6 millóns por importes próximos a 850.000 euros no caso dos Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) e Centros de Educación Especial (CEE) e de 1.050.000 nos Institutos de Educación Secundaria (IES). As obras realizaranse nos CEIPs Ramón de Artaza y Malvárez (Muros) e de Melide Nº 1 (Melide), no IES Campo de San Alberto (Noia), na provincia da Coruña; e no CEE Infanta Elena (Monforte de Lemos) e no CEIP Álvaro Cunqueiro Mora (Mondoñedo), na de Lugo. Na provincia de Ourense as intervencións realizaranse no CEE Miño en Ourense e no IES O Ribeiro (edificio Abrente) (Ribadavia); mentres que na provincia de Pontevedra os centros priorizados serán o CEIP Plurilingüe de Baño-Xanza (Valga) e o Plurilingüe Xulio Camba (Vilanova de Arousa), así como o CPI Julia Becerra Malvar (Ribadumia).


Ademais xa están en fase de redacción os proxectos de rehabilitación enerxética dos CEIPs Plurilingüe de Palmeira (Ribeira) e Plurilingüe Monte dos Postes (Santiago), do IES Lamas das Quendas (Chantada), e dos CEIPs Plurilingüe Pedro Caselles Rollán (Xove), Padre Feijoo (Allariz), Plurilingüe Curros Enríquez (Celanova) e do Carballal (Marín). Estas melloras contan cunha partida de 5,9 millóns de euros.


Os orzamentos permitirán tamén rematar o novo CEIP Sagrado Corazón (Lugo) e o novo CEIP de Mesoiro (A Coruña), así como continuar coa construción do novo CEIP de Vilalonga (Sanxenxo); e existen partidas de reforma e ampliación para rematar a ampliación do CPI Plurilingüe de Vedra, a ampliación do CEIP Agro do Muíño (Ames), ou a construción dun aulario en Coirós.

A maiores figuran as partidas iniciais para os proxectos do novo CEIP de Pazos de Rei en Tui e dos novos CEIPs de Ames e Arteixo, “aínda que segue pendente a cesión de terreos para os mesmos”, explicou Pomar.


As contas inclúen tamén unha dotación de 7,2 millóns de euros para intervencións en centros de Secundaria e FP, entre as que se encontran as obras no novo Centro de Innovación da FP en Ourense, no Politécnico de Santiago, a ampliación do IES Sanxillao (Lugo), así como obras no IES Muralla Romana e o CIFP Politécnico (ambos en Lugo), no CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) ou no CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense). Dentro desta partida atenderanse tamén as obras en dous edificios de carácter histórico no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña) e o comezo da intervención no IES Santa Irene (Vigo). O capítulo de obras complétase con 7 millóns de euros destinados a reforma, ampliación e mellora (RAM), que se executan desde as Xefaturas Territoriais.



Exercicio de responsabilidade


Carmen Pomar incidiu en que o proxecto de orzamentos para 2020 “reforza un ano máis o gasto social en Galicia, que medra en 275 millóns respecto a este ano e acada os 7.400 millóns de euros, a cifra máis alta da historia. Estes novos recursos permitirán incrementar o gasto directo en sanidade, no ensino e nas políticas sociais”. “Galicia fai un exercicio de responsabilidade e estabilidade presentado os seus orzamentos”, salientou


Estas contas, “feitas con rigor, axustadas as magnitudes macro dos orzamentos da Xunta, que respectan o principio constitucional de estabilidade, que dan cumprimento aos parámetros da Unión Europea, e que son realistas” van permitir que os sistemas educativos universitario e non universitario de Galicia “gocen de boa saúde, sexan referencia para outros territorios e vaian mellorando os seus resultados como ata o de agora”, rematou.