viernes, 22 de noviembre de 2019, 08:07

Feijóo pide aos galegos que se unan nun voto esixente para que volva a estabilidade a España e se cumpra con Galicia

|


20191031 Feiju00f3oPegadaDeCarteles 01


O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu aos galegos que se unan nun voto esixente para que volva a estabilidade a España e se cumpra coa nosa Comunidade. Porque, segundo apuntou, o que precisa Galicia son certezas e compromiso por parte do próximo Goberno.


Así, durante o acto de inicio de campaña que tivo lugar en Vigo, Feijóo incidiu en que os españois non son os culpables do que está pasando en España, pero que si teñen a solución: votando o próximo 10 de novembro por todo o que os une e para que as cousas cambien.


E é que, tal e como indicou o líder do PPdeG, non teñen a culpa dos problemas creados ao sector industrial, da inestabilidade política provocada polo egocentrismo e a frivolidade nin dunha campaña electoral permanente e nin tampouco de que unha minoría nacionalista e independentista poidan condicionar a convivencia e o Goberno de todos.


Feijóo sinalou que, se as eleccións de abril estiveron motivadas por un Executivo incapaz de gobernar e de aprobar presupostos, as de agora estarán motivadas, ademais, pola incapacidade de formar Goberno. Un fracaso, engadiu, que o próximo 10 de novembro ten que ser só dos seus responsables. E sostivo que o PP sae a gañar pola estabilidade, a economía, o emprego, os traballadores da nosa industria, os servizos públicos e as familias. Neste punto, recordou que a división nas últimas Eleccións Xerais, que favoreceu ao que PSOE gañase, fixo que todos os españois acabasen perdendo.



A folla de ruta de Galicia


Feijóo referiuse ao programa que a Comunidade precisa do próximo Goberno e que a Xunta presentou no día de hoxe. Unha folla de ruta ineludible, explicou, leal á nosa Comunidade e a España: “Galicia pide porque Galicia fai e Galicia esixe porque Galicia cumpre”.


O líder dos populares galegos recalcou que o que precisa España, despois de meses de promesas e cálculos electorais, é xestión, un presidente e un Goberno que volva ser activo. Por iso, subliñou que se todos os que queren estabilidade, políticas rigorosas e eficaces ante a desaceleración e un Goberno que non teña que deberlle nada ao nacionalismo nin ao independentismo unen o seu voto, a vitoria será de todos os españois, porque España volverá a funcionar.


Para rematar, o presidente dos populares galegos asegurou que o que está a suceder en España non é irremediable e que Galicia é a mostra de que a alternativa sólida e clara no PP é real, xa que é cumprimento do deber, responsabilidade e estabilidade: “Canto mellor lle iría a Cataluña e a España cun Goberno como o de Galicia”.