viernes, 22 de noviembre de 2019, 08:05
CENTROS EDUCATIVOS

A Xunta desenvolve nun centenar de centros educativos a campaña 'Poñendo os Lentes' para a protección da infancia

|

Image gallery1


A Xunta desenvolve nun centenar de centros de ensinanza de educación infantil e primaria e de educación especial das sete grandes cidades de Galicia o programa Poñendo os lentes para a protección da infancia. As Consellería de Política Social e a de Educación, Universidade e Formación Profesional impulsan esta iniciativa a través dun convenio de colaboración coa Asociación Aminogal e as tres universidades da comunidade.


O obxectivo de Poñendo os lentes para a protección da infancia é concienciar e sensibilizar ao profesorado e ás familias sobre o abuso sexual infantil na nosa sociedade ao tempo que se lles proporciona ferramentas de prevención. Arredor de 1200 profesionais do ámbito da educación participan neste proxecto.


Esta proposta enmárcase na campaña do Consello de Europa para a prevención da violencia sexual contra a infancia Un de cada cinco, coa que se procura crear conciencia acerca de todo o que constitúe violencia sexual contra as persoas menores de idade. A participación da Xunta de Galicia nesta iniciativa a do Consello de Europa tivo o seu reflexo en campañas como 37milsorriSOS e #acendamolaluz, a través das cales realizouse a divulgación de material dixital sobre esta materia.


Esta nova iniciativa está na liña da ampliación este ano a toda Galicia do programa para o tratamento terapéutico de menores vítimas de abusos sexuais, que se iniciou como experiencia piloto o exercicio pasado na provincia da Coruña. A través desta medida, aténdese a un centenar de nenos, nenas e adolescentes vítimas das diferentes formas de abuso sexual, ademais de prestar asesoramento e acompañamento ás familias e equipos profesionais dos que depende o coidado destes.