viernes, 22 de noviembre de 2019, 09:18

Educación pon en marcha o Portal das Familias

|


Image gallery3



A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de activar o Portal das Familias, un novo servizo web de información para todos os aspectos da educación en Galicia que son de especial interese para alumnado e nais e pais.

O obxectivo deste Portal web é achegar dun xeito máis directo e áxil datos ás familias sobre todo o que atinxe ao proceso de escolarización dos seus fillos, así como sobre o conxunto do sistema educativo galego.


Aquí poderase afondar nos procesos de matrícula dos distintos niveis (ben sexa para as etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato, ou para Formación Profesional, ensinanzas de Adultos, de Idiomas ou ensinanzas Artísticas e Deportivas), as datas de matrícula, a documentación esixida, os criterios de baremo, a asignación de prazas, etc; e tamén sobre os títulos ofertados en toda Galicia, os procesos de homologación de títulos ou o pagamento de taxas para a expedición de títulos, de certificados de estudos, entre outros.


Así mesmo, o Portal das Familias inclúe un apartado específico onde se dá conta de todas as convocatorias de axudas ás que pode acceder o estudantado en Galicia, segundo o tipo de ensinanza, ou mesmo sobre os recursos educativos complementarios de transporte e comedor; así como dos premios promovidos pola Consellería e os requisitos e trámites para optar a eles.


O Portal web inclúe outros apartados como o AbalarMóbil, unha aplicación que permite ás familias consultar información dos seus fillos a través do teléfono móbil (sobre os horarios das materias, titorías, cualificacións, faltas de asistencia,...), ou un enlace específico de interese para as propias familias (Espazo Familias) e outro para o alumnado (Espazo Alumnado).

Ademais, para obter unha atención máis personalizada sobre calquera tema, inclúese un apartado específico co directorio de teléfonos e enderezos electrónicos de todos os departamentos da Consellería.