viernes, 22 de noviembre de 2019, 08:06

A produción de leite medrou en Galicia preto dun 6% dende 2015

|


Image gallery



A produción de leite medrou en Galicia dende 2015 nun 5,76%, superando amplamente o 4,8% rexistrado no conxunto de España. A diferenza foi aínda maior en relación co resto de comunidades autónomas, nas que apenas se superou o 4,2% de incremento no período 2015-2018.


Así o destacou hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, na súa intervención durante a xornada informativa dirixida ao sector gandeiro e agrícola organizada pola Cooperativa Xallas e que tivo lugar no concello coruñés de Santa Comba.


O director xeral explicou que este aumento da produción reflicte a permanente reestruturación positiva do sector produtor, a prol da súa rendibilidade e viabilidade económica futura. Un proceso que indica, ademais, que as explotacións en activo adquiren unha maior dimensión produtiva.


José Balseiros situou neste contexto o apoio da Xunta ao sector, que -dixo- se materializa en diferentes medidas e actuacións orientadas a mellorar a rendibilidade das explotacións. Entre elas, salientou o Plan estratéxico que está a impulsar a Consellería do Medio Rural xunto cos representantes sectoriais e que está previsto rematar o vindeiro ano.

Esta iniciativa servirá para analizar polo miúdo as características e a situación do sector -algo no que xa se está traballando-, co fin de determinar despois unha estratexia adaptada ás súas necesidades. O labor estase desenvolvendo a través de diferentes mesas que avalían cuestións como a remuda xeracional nas explotacións, a reorientación da produción e a xeración de valor na cadea ou a promoción dos produtos lácteos. Tamén se abordarán outros asuntos, caso do asociacionismo, a formación, investigación e man de obra na industria ou a sensibilización da sociedade sobre a importancia deste eido produtivo.



Outras iniciativas


Ademais de impulsar esta planificación, a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias -segundo sinalou o seu titular- está a traballar noutras tarefas técnicas, como son o plan de xestión das dexeccións gandeiras ou o sistema de cálculo de custos das explotacións baseado en datos reais do sector. En relación con isto último, indicou que se trata de dar ferramentas aos gandeiros para que determinen os seus custos de produción individualizados, para coñecer o seu limiar de rendibilidade. Porque, tal como advertiu Balseiros, é un traballo de cada explotación e das organizacións de produtores determinar ese punto, con toda a colaboración que precisen por parte da Xunta.


Precisamente sobre a figura das organizacións de produtores, o director xeral insistiu na necesidade de que estas entidades empreguen as ferramentas normativas que teñen á súa disposición para defender os intereses dos seus socios produtores. Referiuse en particular ás medidas do chamado Paquete Lácteo, que inciden en aspectos como as condicións de contratación, para protexer e potenciar a posición negociadora dos gandeiros.



Capacidade industrial


Neste encontro de Santa Comba, José Balseiros falou tamén da aposta da Xunta por impulsar o aumento da capacidade industrial do sector en Galicia e referiuse aos diferentes proxectos en marcha. Así, citou as fusións de cooperativas (Clun ou Aira, entre outras), os investimentos en I+D+i de empresas como Goodleit ou Dairylac ou na ampliación e mellora de proxectos existentes (Entrepinares, Leche Celta, etc.).


O director xeral salientou ademais que outro dos piares sobre os que se debe cimentar o desenvolvemento do lácteo pasa por camiñar cara un sistema de produción menos intensivo, cun modelo máis sustentable e baseado na produción forraxeira. Nesta liña, dixo, vai precisamente a futura Lei de recuperación e posta en valor de terras agrarias na que está a traballar a Xunta, da man do Grupo Parlamentario Popular.


Por último, o director xeral fixo referencia ás diferentes liñas de axudas que os produtores lácteos teñen ao seu dispor, entre as que destacou as de plans de mellora e incorporación de mozos, así como as achegas para as industrias, as de fomento do uso de maquinaria en réxime asociativo e, por suposto, as da PAC.