viernes, 22 de noviembre de 2019, 08:05
POLÍTICA

Gonzalo Caballero: "O único proxecto serio, claro, progresista e de futuro para España é o PSOE"

|


Thumbnail MITIN SANTIAGO



O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, protagonizou hoxe un mitin en Santiago co ministro de Exteriores, Josep Borrell, no que tamén interveu o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e as cabezas de lista ao Congreso polas catro provincias galegas. Na súa intervención, o líder dos socialistas galegos asegurou que “temos as pilas cargadas” para a cita coas urnas despois de que Pedro Sánchez gañara “por goleada” o debate fronte a quen “só crispaban” sen presentar ningún proxecto para España. “O único proxecto serio, claro, progresista e de futuro para España é o PSOE”, resumiu.


E, fronte aos “retrocesos” que implican en materia de igualdade para as persoas e para os territorios a alternativa ao PSOE que compoñen as dereitas e máis a ultradereita, Gonzalo Caballero enfatizou a importancia duns servizos públicos que equiparen as oportunidades da cidadanía e que favorezan unha vida digna para todos. “Iso é o que nos xogamos o domingo”, advertiu o máximo dirixente do PSdeG, quen chamou a “deixar descolocadas ás dereitas e á ultradereita que quere gobernar a través do PP”. Precisamente, sostivo que “non perdoamos ao PP que sexa o instrumento ao servizo dos intereses da extrema dereita”.


E, tras lamentar que as dereitas españolas non fagan o que “toda a dereita europea” e poñan “un cordón sanitario” á ultradereita, Gonzalo Caballero censurou o discurso “neofascista” de Vox. “Lévanos a construír unha sociedade peor, o que é a máxima preocupación para os progresistas”, concluíu. Ao fío diso, o secretario xeral do PSdeG chamou a “frear o risco de involución coa máxima mobilización” o vindeiro domingo co “único voto útil”, o do PSOE. “É o voto que non se perde polo camiño, senón que vai directo ao Congreso dos Deputados”, apelou para concentrar o voto progresista nunha opción.



“Justicia, igualdad y libertad" 


A continuación tomou a palabra o ministro de Asuntos Exteriores, Josep Borrell, quen se animou a facer parte da súa intervención tamén en galego para agradecer o convite á capital de Galicia. Inspirado polos valores de “justicia, igualdad y libertad”, o dirixente socialista animou a participar nos comicios do vindeiro domingo. “No me gusta esto de la fatiga democrática”, comentou, en referencia ás queixas por votar catro veces en catro anos: “A los que estuvimos mucho tiempo sin votar, no nos parece demasiado”.


É máis, sinalou que “han pasado cosas” neste país “para que nos tomemos la molestia de ir a votar”. “Hace falta un gobierno con una mayoría sólida que tenemos que reforzar”, apelou Borrell, antes de formular que “a democracia non é o normal no mundo” e, por iso, “no podemos estar cansados de votar”. “Aprovechen la ocasión para decidir qué futuro quieren, cómo queremos vivir y cómo queremos convivir”, finalizou o futuro comisario europeo, consciente de que os problemas de desigualdade e a existencia de “trabajadores pobres” requiren “unha acción política fuerte”.



“Un Goberno forte"


Tamén tomaron a palabra no acto as catro cabezas de lista ao Congreso polas provincias galegas, que reclamaron “un goberno progresista estable e forte presidido por Pedro Sánchez”. Fíxoo a viguesa Olga Alonso, número 1 por Pontevedra, quen puxo o foco en que “non podemos consentir desigualdades nin discriminacións” por ningunha causa; mentres a carballiñesa Marina Ortega destacou a aposta pola “xustiza social” do goberno socialista que subiu as pensións, o salario mínimo.


A continuación, a lucense Ana Prieto chamou a “convencer a todos” para acudir ás urnas co “única papeleta que pode facer que España progrese”. “Queremos seguir gobernando para facer política para as persoas”, engadiu, ao que a compostelá Pilar Cancela pediu encher as urnas de “votos socialistas” o 10-N.



O futuro dos nosos fillos"

  

O encargado de abrir o acto foi o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, quen destacou que Josep Borrell é “unha persoa especialmente respectada e querida” pola súa contribución á cidade nas súas etapas como ministro. E, de cara ao vindeiro domingo, o rexedor da capital galega chamou a “votar ao PSOE pensando no futuro que queremos para os nosos fillos”.



Visita a O Barco  


Ademais, Gonzalo Caballero aproveitou a xornada para visitar O Barco de Valdeorras en compañía do alcalde, Alfredo García, e os membros da candidatura socialista ao Congreso e ao Senado, antes de manter unha xuntanza cos compañeiros de toda a provincia. Dende alí, resaltou que Alfredo García é “un alcalde de referencia” para os socialistas pola súa dedicación al concello durante anos. “É un pracer amosar sempre as políticas públicas do Barco e as capacidades que teñen os nosos alcaldes de gobernar para o benestar da maioría”, puxo en valor o líder do PSdeG.


Pola súa banda, o rexedor chamou a mobilizarse de cara o vindeiro domingo porque “onte quedou claro que o único candidato que pode formar goberno e que dá garantías aos cidadáns de que pode haber un goberno serio neste país é Pedro Sánchez”.