viernes, 22 de noviembre de 2019, 08:34
POLÍTICA

Pontón pide o voto da mocidade preocupada polo cambio climático

|


FOTO ACTO PONTEVEDRA 2



O cambio climático e as súas consecuencias para o planeta e as futuras xeracións ten nas rúas de todo o mundo e tamén de Galiza a milleiros de mozos e mozas que reclaman solucións urxentes ante un reto global, pero ante o que hai que actuar de xeito local. A esa mocidade apelou a portavoz nacional, Ana Pontón, para que opte polo BNG o 10N, a única forza que estivo desde o principio na loita de ENCE fora da ría, a única que levou a Bruxelas o saneamento integral das rías o defende unha moratoria contra o eucalipto.


Pontón pediu o voto a esa mocidade “que non quere en Galiza nin Trumps, nin Bolsonaros, nin Salvinis nin primos de Raxoi”, -apelou-, apóstolos do negacionismo da emerxencia climática, unha extrema dereita coa que pacta un PP que en Galiza desenvolve políticas “que son unha auténtica fábrica de cambio climático, como ese empeño en manter a pasteira na ría ou un modelo forestal que enche os montes de eucaliptos pese a ter nos incendios o principal problema ambiental do país”.


Nun encontro con activistas ambientais e cos responsables da rede de escolas asociadas á Unesco, Pontón destacou as aportacións de Iria e Pablo, -que leron o manifesto na mobilización da folga mundial polo clima en Pontevedra-. “Son a voz desa mocidade galega que defende un futuro sostible para as xeracións futuras, unha voz que o BNG non só escoita senón que apoia”, proclamou.


En relación ás propostas concretas, a líder nacionalista citou algunhas das prioridades que o Bloque defenderá no Congreso a partir do 10N. En primeiro lugar, revogar a prórroga ilegal de ENCE para sacala da ría e proceder a súa recuperación integral,  propoñer que a Lei estatal de Patrimonio Natural e da Biodiversidade inclúa o eucalipto como especie invasora, limitando o seu cultivo e plantación. “En Galiza, os incendios son o problema ambiental máis grave, -mesmo con consecuencias dramáticas-, por iso urxe limitar as especies que facilitan os lumes e implantar un sistema de explotación multifuncional do monte”, recalcou Pontón.


Esixir a rexeneración integral das rías galegas, apostar por un cambio de paradigma cara un modelo económico sen enerxía fósiles a medio e longo prazo e potenciar unha economía circular, como medidas como as da compostaxe, ou a redución da contaminación por tráfico viario, como xa se fai en Pontevedra. Pontón tamén destacou que o BNG defenderá no Congreso prohibir por lei as portas xiratorias, para evitar que as maiores empresas contaminantes, como as eléctricas, “se senten no  Consello de Ministr@s por persoas interpostas utilizando a ex cargos políticos como lobbistas de luxo a favor dos seus intereses. ENCE é tamén un  exemplo de libro desta práctica que hai que erradicar”, concluíu.  


FOTO ACTO PONTEVEDRA1



Cidade do Lérez pioneira


A cabeza de lista por Pontevedra Carme da Silva sumouse os agradecementos aos representantes de colectivos e organizadores da folga polo clima en Pontevedra e a súa preocupación polo presente e o futuro do planeta e destacou que a preocupación ambiental do BNG  “non naceu hoxe”, senón que vén marcando a actuación política da formación dende hai anos, lembrando o posicionamento contra aos vertidos radioactivos ou as nucleares, entre outras moitas loitas ambientais.


Da Silva puxo sobre a mesa o proxecto Pontevedra que comezou hai 20 anos. “Hoxe fálase do futuro das cidades, do fume, do ruído, de que non se pode vivir con máscaras”, asegurou, para contrapoñer a situación na cidade do Lérez, onde “estamos afeitos a unha cidade amable na que hai calidade de vida”, dixo lembrando a mobilidade sustentable ou a compostaxe que son modelo internacional recoñecido.  



En sintonía coa loita contra o cambio climático


A candidata asegurou que a emerxencia climática será unha prioridade do BNG no Congreso, levando ata alí cuestións de competencia estatal como a rexeneración das rías, a decisión sobre a produción de enerxía e como se debe facer a transición enerxética, fomentando medios de transportes sustentables como o ferrocarril. “O BNG está en perfecta sintonía coas reivindicacións e demostramos que é posible actuar de maneira diferente para deixarlle un lugar mellor ás vindeiras xeracións”, subliñou.


“Non estamos a falar do futuro do planeta. O planeta seguirá e recuperarase das nosas accións. O que está en xogo é a supervivencia da especie humana. Estamos a tomar decisión moi agresivas que ou corriximos ou a situación empeorará cara a un risco extremo, porque o proceso está a ser moito máis acelerado do que se pensaba hai dez anos”, subliñou.