viernes, 22 de noviembre de 2019, 08:49
POLÍTICA

Feijóo: "Fronte a un PP que impulsa o naval hai un PSOE que se desentende dos traballadores e de Ferrolterra"

|


20191106 Feiju00f3oEnFerrol 01



O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu en Ferrol non volver picar no mesmo anzol do PSOE da división do voto posto que nin VOX nin Ciudadanos terán escanos en Galicia. Do mesmo xeito, resaltou que unindo forzas no Partido Popular ningún voto para un Goberno distinto quedará sen representación nas Cortes Xerais xa que “todos sumarán”.


Por todo isto, incidiu en non caer na estratexia dos que buscan que se divida o voto porque, do contrario, repetirase o mesmo que sucedeu o pasado mes de abril e “non sairán as contas”. De feito, recordou que nas provincias galegas todos os prognósticos din que nin VOX nin Ciudadanos van lograr representantes no Congreso e no Senado, polo que os votos a estas formacións favorecen aos socialistas, a Podemos e aos nacionalistas.



O PSOE desenténdese de Ferrolterra


Por outra banda e tal e como puxo de manifesto o líder dos populares galegos, o PSOE reflectiu no Parlamento o que está demostrando no Goberno de España. E é que, na Cámara galega, abstívose nunha Proposición Non de Lei para que haxa un proxecto ponte que dea traballo en Navantia, mentres non se inician as fragatas. “Desenténdese”, salientou Feijóo, do mesmo xeito que o Goberno central leva meses descoidando aos traballadores do naval.


Neste senso, recordou que foi o Partido Popular quen recuperou a carga de traballo dos estaleiros e foi quen, tamén, impulsou o proxecto das fragatas. Pola contra, tal e como fixo fincapé, foron os socialistas os que o atrasaron durante meses e quen se desentenderon dos traballadores ata que non se inician as fragatas. “Se vemos o que está pasando no naval e o que está pasando nas Pontes, xorde a pregunta de que ten o PSOE en contra de Ferrolterra?”.



Necesitamos un Goberno diferente


Así mesmo, segundo apuntou, os populares están moi preto de poder gañar estas eleccións e que poida haber un Goberno diferente. Para lograr isto, sinalou que só falta dar dous pasos: “O primeiro é que nos unamos no PP, porque é a única opción posible para logralo, e o paso definitivo é non quedar en casa, votando unidos o vindeiro domingo”.


“Non deixemos de pedir o voto a ninguén da nosa contorna porque hai motivo e porque hai experiencia, programa e propostas para convencer”, manifestou insistindo en que só o PP pode facer saír a España deste bucle e desta situación de inestabilidade porque co PSOE volverase repetir a mesma historia destes meses.


Igualmente, o líder dos populares galegos pediu o voto a todos os españois, con independencia da súa ideoloxía, das súas preferencias ou do que votasen antes, xa que, cos populares, haberá un Executivo central para todos e un país que funcione.



Nin un incumprimento máis


Durante a súa intervención, Feijóo salientou que o país precisa dun Goberno como o que temos na nosa Comunidade pero, á vez, Galicia tamén necesita dun Executivo de España que a respecte, que cumpra e que a teña en consideración. 


Sobre isto, afirmou que os galegos podemos contar coa Xunta, que vai seguir facendo sempre todo o que estea na súa man para contrarrestar a inestabilidade, os prexuízos e os incumprimentos dun PSOE que non nos ten nas súas prioridades. Nese senso, aseverou que non podemos agardar a que o próximo que aconteza sexa un novo incumprimento do PSOE coa Comunidade senón que o seguinte debe ser contar cun Goberno que cumpra con Galicia.