viernes, 22 de noviembre de 2019, 08:58
POLÍTICA

Feijóo: "Pido o voto por un cambio político de España"

|


20191108 Feiju00f3oEnVigo 04



O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu un voto unido no Partido Popular para que España non prolongue a inestabilidade que sofre na actualidade nin se repita a crise económica que tamén empezou con ocultacións como as do actual Goberno. E é que, tal e como manifestou, o Executivo de Pedro Sánchez está a agravar os problemas económicos, sociais e territoriais do país.


Así se expresaba o líder dos populares galegos nun almorzo en Vigo no que recoñeceu que, con este PSOE, non fai falta nin mirar cara outras etapas para acreditar que as súas políticas sempre fallan ante as dificultades económicas. De feito, engadiu que, en apenas uns meses, xa o están demostrando con tanta irresponsabilidade, tanta frivolidade e tanto desinterese polo que a España lle importa.


Así, incidiu na necesidade dun cambio de Goberno para que a situación destes dous últimos anos se prorrogue catro máis: “Pido o voto por un cambio político de España, porque este Goberno non merece seguir catro anos máis na Moncloa”, apuntou Feijóo, quen salientou que en todo este tempo nin un só indicador económico vai mellor.


Igualmente, afeou que os socialistas tenten volver ocultar a realidade e relativicen de novo o que sucede, recordando que hai precedentes de intentos similares e que os resultados os coñecen todos os españois porque os padeceron. De igual xeito, salientou que non é casual que este deterioro se produza neste contexto nacional senón causal, posto que non hai un Goberno que estea facendo todo o que pode facer para facer fronte as dificultades económicas ou para resolver os problemas que está xerando en Galicia.


Neste punto, amosou a súa preocupación por non estar a nosa Comunidade entre as prioridades do PSOE, tal e como queda de manifesto na súa falta de compromiso co AVE e, tamén, co Corredor Atlántico. Como apuntou Feijóo, no mapa de liñas de AVE en servizo do Ministerio de Fomento non se contempla a liña directa de Vigo a Ourense; e pediu que non se lle minta máis aos galegos. Con respecto ao Corredor Atlántico, salientou a necesidade de “reactivalo”, da mesma forma e velocidade que o Mediterráneo, por ser clave para a competitividade dos portos galegos.


Tras incidir en que Pedro Sánchez no económico se está parecendo cada vez máis a Zapatero, resaltou que non hai por que esperar a que o deterioro sexa maior nin a que os traballadores de Alcoa, As Pontes, Navantia ou o sector forestal perdan o seu emprego para darlles unha alternativa.


20191108 Feiju00f3oEnVigo 03


España necesita un cambio


Como sinalou o presidente, a efectos da política nacional, España está parada xa que, non só hai inestabilidade senón tamén inacción e parálise por parte do Executivo central. Por este motivo, manifestou que o país necesita que haxa reacción desde o Goberno tanto no social, ante os que ameazan a convivencia, como no económico, ante as ameazas de crises.


Ademais, segundo subliñou, o conxunto do Estado precisa recuperar a centralidade política e substituír as trincheiras partidistas polo entendemento. “Ante o sectarismo, un Goberno de todos”, apostilou, para engadir que o próximo domingo pódese cambiar este período de inestabilidade e colapso votando ao PP, a única alternativa para que haxa un Goberno que goberne e España volva funcionar. 


Para rematar, avogou por unir os votos dos que non queren que Pedro Sánchez siga como presidente do Goberno de España e non caer na estratexia socialista de dividir o voto de centro-dereito.