martes, 7 de julio de 2020, 08:50

Galicia aposta por unha ciencia mariña

|


Image gallery


A directora xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Paloma Rueda, defendeu hoxe en Porto que “a gobernanza para a sustentabilidade deberá ser o núcleo da axenda da investigación mariña”. Neste cometido, engadiu, é clave “a colaboración coas partes interesadas para identificar as prioridades da década dos océanos e, para conseguir o océano que necesitamos no 2030, a ciencia mariña deberá ser holística e transdisciplinaria; unha ciencia sustentable”.


Así o destacou durante a apertura da sesión plenaria do evento internacional Business2Sea 2019, que organizan o Cetmar e o organismo luso Fórum Oceano entre hoxe e o 13 de novembro en Porto e que nesta edición se centra na conservación dos océanos e no uso sustentable dos recursos mariños.


Durante a apertura da sesión plenaria na que tamén participou o presidente de Fórum Océano, António Nogueira, a directora do Cetmar puxo ademais de relevo a importancia de entender os elementos que inflúen nos océanos, como o cambio climático e a contaminación, entre outros, e de “predicir as súas interaccións”. Nesta liña destacou o apoio das novas tecnoloxías e do manexo de datos como axuda para observar, entender e xestionar o océano e o efecto dos elementos que inflúen nel. Un labor no que é clave o papel da comunidade científica e ao que pode contribuír a celebración de eventos como o Business2Sea, subliñou.

Ademais Paloma Rueda puxo en valor a colaboración do Cetmar, dependente da Consellería do Mar, e do Fórum Oceano na organización do Business2Sea e agradeceu ás autoridades europeas que este ano se sumaran a esta cita coa celebración da 6ª Conferencia de Stakeholders do Atlántico e o evento anual do programa Interreg Espazo Atlántico.


Esta edición do Business2Sea conta con preto de seiscentas persoas inscritas e ofrecerá entre hoxe e o vindeiro mércores un programa diversificado que incluirá conferencias, seminarios e talleres dedicados ás temáticas do evento, un programa de encontros de negocio e sesións de presentacións breves (pitches) organizadas no programa Curtas de Mar. O encontro conta ademais cunha compoñente expositiva e con actividades de divulgación e animación sobre cultura marítima e está dedicado a facilitar a interacción entre persoas e organizacións e a promover proxectos e negocios nos diferentes sectores da economía do mar.