martes, 14 de julio de 2020, 12:39
UNIVERSIDADE | UDC

A Academia Xacobea incorpora a Julio Abalde, reitor da UDC como membro honorario

|


Reitor academia xacobea



O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, vén de ser distinguido como membro honorario da Academia Xacobea, nun acto en que se formalizou o ingreso e que tivo lugar na Facultade de Dereito o pasado martes. A institución que preside Jesús Palmou manifestou que se suma no mundo universitario un novo e importante apoio para os seus traballos e obxectivos coa incorporación do reitor da UDC como Académico Honorario.


O reitor mostrou o seu agradecemento á Academia Xacobea polo seu nomeamento e destacou a súa “sintonía” cos fins que recolle esta nos seus estatutos: promover a investigación do fenómeno xacobeo e a difusión dos seus valores desde unha perspectiva multidisciplinar. Así, sinalou que desde a súa fundación a Academia “abriu unha nova vía de estudo e divulgación, inscrita con clareza no ámbito do rigor, da altura de miras e da proxección”, tanto en Galicia, como en España e no eido internacional. “Comprométome desde este mesmo momento a tomar parte activa nas iniciativas da Academia Xacobea e a fomentalas nos campus, que xa atesouran unha importante experiencia de traballo académico e científico a prol dos camiños xacobeos”, apuntou Julio Abalde.


No seu discurso de ingreso, Abalde lembrou tamén que xa Elías Valiña, párroco do Cebreiro e gran impulsor da revitalización do Camiño de Santiago, levou o fenómeno xacobeo ao eido universitario no ano 1965 coa súa tese de doutoramento, e repasou algúns dos fitos que se sucederon desde que o crego comezara a percorrer a ruta cara a Compostela pintando as frechas amarelas ata a actualidade; fitos que “contribuíron a instalar a Galicia na modernidade”, como a designación do Camiño como Primeiro Itinerario Cultural Europeo ou a celebración do primeiro Congreso Internacional do Camiño de Santiago.


Segundo informa a Academia Xacobea, o académico Eduardo López Pereira deu resposta ás verbas de Julio Abalde lembrando a obra de Plutarco “Vidas paralelas” para amosar os puntos en común das súas respectivas traxectorias: catedráticos da Universidade da Coruña, vicerreitores, directores da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e, agora, membros da Academia Xacobea. López Pereira explicou que xa compartía con Abalde a “preocupación pola mellora da calidade das nosas universidades” e que desde hoxe estarán unidos tamén polos “valores e os fins marcados polos estatutos de Academia Xacobea”. Entre eles citou a promoción e difusión do fenómeno xacobeo e lembrou a algúns dos pioneiros nesta tarefa e as anécdotas que marcaron o seu traballo: O bispo Xelmírez e os responsables do Códice Calixtino.


Pola súa banda, Jesús Palmou explicou que o Camiño ten a súa orixe e o seu destino en Compostela, pero que hoxe en día ten acadado xa unha dimensión universal á que non é allea nin a cidade da Coruña nin a súa universidade. E sinalou tamén que coa incorporación de Julio Abalde, a institución suma un “intelectual e europeísta” que contribuirá a alumear a traxectoria da Academia. 


“Desde a Academia Xacobea creemos nunha Europa froito do imperio dos sentimentos compartidos, froito da razón e do imperio do Dereito, fronte ao imperio da forza. Un espazo de convivencia e de prosperidade, no que máis alá de fronteiras e crenzas, a liberdade, a solidariedade, a fraternidade e a ética pública, sexan piares fundamentais da súa esencia. En definitiva, promovemos o Camiño de Santiago e os seus valores, como un Camiño de concordia, de paz e entendemento, entre os europeos, pero tamén entre os pobos do mundo”.