martes, 7 de julio de 2020, 09:01
DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación da Coruña presenta un Orzamento de 184 millóns de euros para 2020

|


ORZAMENTOS 2020



O Goberno da Deputación da Coruña presentou hoxe o proxecto de Orzamentos para o ano 2020, que ascenden a 184.016.500 euros (un  0,22% máis que no presente exercicio) e que serán sometidos á aprobación do pleno o vindeiro 21 de novembro.  Un ano máis, todos os investimentos e plans da Deputación financiaranse con recursos propios, mantendo a actual situación de débeda cero.


As contas provinciais de 2020 foron presentadas esta mañá na sede da institución provincial polo presidente, Valentín González Formoso, o vicepresidente, Xosé Regueira, o deputado responsable da área de Economía e Facenda, Antonio Leira, e o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández. “A boa noticia é que imos ter orzamento”, afirmou Valentín González Formoso, que afirmou que se trata dunhas contas “prudentes”, que favorecerán “a estabilidade da institución e dos concellos da provincia”, permitíndolles contar cunha previsión das achegas da Deputación para o vindeiro exercicio.


O presidente emmarcou esa “prudencia orzamentaria” na ausencia de Orzamentos Xerais do Estado, que impide coñecer con certeza os fondos que recibirá a Deputación, pero lembrou que se trata dun orzamento “inicial e flexible”, que irá incrementando os seus fondos ao longo do exercicio. Neste sentido, lembrou que a Deputación partiu dun orzamento de 183 millóns este ano e rematará 2019 con máis de 480 millóns.


O presidente destacou que a Deputación, “unha administración pensada para dar servizo e apoio aos concellos” seguirá asumindo en 2020 “unha cantidade enorme de gastos impropios” e lembrou que o organismo provincial segue xestionando a día de hoxe os centros de menores da Coruña e Ferrol, o IES Puga Ramón ou o IES Calvo Sotelo da Coruña, aos que se destinan arredor de 10 millóns de euros anuais, a pesar de que tanto a educación coma os servizos de atención e protección de menores son de competencia exclusiva da Xunta de Galicia.


“O gasto nestes centros supuxo 100 millóns de euros en dez anos, que se detraen dos fondos que achegamos aos concellos da provincia”, afirmou o presidente, que volveu a reclamar que a Xunta se faga cargo dos centros educativos e de menores da Deputación. “Reclamamos a transferencia para que se preste o mellor servizo posible, especialmente nun ámbito tan sensible como o dos menores. González Formoso destacou tamén a importancia do Plan Único, o principal programa de investimentos da Deputación, que cada ano supera os 90 millóns de euros transferidos directamente aos concellos (en 2019 chega a 100 millóns) mediante criterios de distribución claros e obxectivos.


O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, considerou que o goberno provincial “está facendo un exercicio de responsabilidade política” ao aprobar as contas que permitirán o funcionamento dos concellos da provincia e manifestou o seu desexo de que o próximo goberno permita aos concellos utilizar o superávit, tal como demanda a FEMP. “É o mellor orzamento que pode facer a Deputación neste momento”, afirmou Regueira, que coincidiu co presidente na “necesidade urxente de abir unha negocación coa Xunta para transferir as competencias impropias que está asumindo a Deputación”.


O deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, afirmou que a Deputación é unha administración “saneada” dende o punto de vista económico e manifestou que “aínda que quixeramos un orzamento maior, hai que ser realista”, aludindo á falta de Orzamentos do Estado.



Principais investimentos


Entre os principais capítulos de investimentos dos Orzamentos 2020 destacan o Plan Único, cunha consignación inicial de 41,2 millóns de euros que se distribuirán con criterios obxectivos entre os concellos coruñeses; os 11,8 millóns que se destinarán á área de acción social da Deputación, que inclúe 7 millóns de euros para a contratación de 280 profesionais dos servizos sociais e de asistencia no fogar dos municipios coruñeses, ou os 10,1 millóns destinados a Cultura, que inclúen máis de 2,5 millóns para a Rede Cultural.


A Deputación consigna tamén 9,1 millóns iniciais para o Plan de Emprego Local 2020 e máis de 18 millóns para os distintos programas de obras, conservación e construción de sendas e mellora de travesías nos máis de 2.100 quilómetros da rede provincial de estradas.


Na área de Promoción Económica, a Deputación reserva máis de 8,1 millóns de euros que se destinarán, entre outras cuestións, ao mantemento dos dez parques do Consorcio Provincial de Bombeiros (3,7 millóns), apoio a confrarías de pescadores (463.000 euros) ou fomento agrícola e gandeiro (603.000 euros).


IMG 0742



Partido Popular


Así mesmo,  a portavoz do grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña, Rosa Gallego tachou de “preocupantes” as contas dadas a coñecer polo goberno provincial e criticou o incremento en 2,2 millóns (8,4%) do gasto destinado a publicidade e a propaganda, á conta de reducir en 2 millóns (10,7) os investimentos nos 93 concellos. En rolda de prensa, e acompañada polos deputados, Evaristo Ben e Roberto Rodríguez, Gallego asegurou que as contas chegan “tarde e mal” nas formas e no contido. 


“Tarde porque nós, que somos o grupo maioritario da Deputación, coñecémolas o pasado martes e mal porque nos habemos enteredo da data do pleno pola prensa”, dixo. Nesta mesma liña, a portavoz popular cargou tamén contra a executivo provincia ao que acusou de presentarlles un documento “pechado, no que non tiveron en conta nosas posibles achegas e para o que só nos piden o noso voto a favor”. Na súa intervención, Gallego referiuse á “prudencia” coa que o goberno provincial referiuse ás contas debido á falta de orzamento no Estado. “Nós máis que prudentes, estamos preocupados e pertencemos a ese 95% de persoas que non dormen tranquilas #ante a coalación entre o PSOE e Podemos”, apuntou. 



24 emendas por 5,8 millóns 


Ante este panorama, a portavoz do Partido Popular na Deputación avanzou que a súa formación presentará un total de 24 emendas por valor de 5,8 millóns, e coas que pretende mellorar os servizos e as infraestruturas provinciais e municipais. “Falamos dunha cantidade perfectamente asumible e razoable, que supoñerán un 3% dun orzamento total de 184 millóns, e que esperamos que se teñan en conta” dixo Gallego. Coas emendas, os populares pretenden mellorar entre outras cousas, as infraestruturas e os servizos municipais e provinciais, promover a actividade económica, a xeración de emprego e a mellora do saneamento e abastecemento nos concellos, incrementar os recursos da provincia no ámbito turístico, potenciar as infraestruturas deportivas e garantir as actividades sociais e culturais.