sábado, 7 de diciembre de 2019, 06:02
SECTOR NAVAL

Nova liña de préstamos para apoiar as empresas auxiliares do sector naval

|


A Xunta vén de abrir o prazo de solicitude das axudas dirixidas a facilitar o financiamento ás empresas da industria auxiliar naval que poidan estar sufrindo retrasos nos pagos debido ás dificultades que están atravesando determinados estaleiros galegos.


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria destes apoios que se incorporan ao programa de préstamos directos para o financiamento empresarial, que ten activo o Igape e que dispón no seu conxunto dun orzamento total de 36 millóns de euros ata 2021. Coa nova liña de axudas, a Xunta facilitará a concesión de créditos comprendidos entre 50.000 e un millón de euros, que contarán cun prazo de cinco anos de amortización.


Posta en marcha despois das reunións mantidas co Clúster do Naval Galego (Aclunaga) e a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), con esta iniciativa prevese mellorar a situación financeira dos provedores de bens e servizos do naval galego acompañando as necesidades de liquidez que poidan ter, nun sector que nos últimos anos está a realizar un importante esforzo por modernizarse e que está dotado dun capital humano altamente cualificado.


Búscase así apoiar a actividade da industria naval galega, que ten a segunda maior carteira de pedidos de Europa e que conforma un sector clave para a economía de Galicia. Estes préstamos enmárcanse no Plan de financiamento empresarial de Galicia para 2019, que conta cun orzamento de 100 millóns de euros, e que facilita financiamento a proxectos empresariais, coa previsión de mobilizar 290 millóns de euros a través de instrumentos financeiros.