martes, 7 de julio de 2020, 08:21

O 061 asistiu a 64 persoas por 49 accidentes de circulación durante a fin de semana

|


Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 64 persoas debido a 49 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 15 de novembro, ata as 23,59 horas do domingo, 17 de novembro. O día que rexistrou máis incidentes foi o domingo con 24 sinistros de tráfico.


A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 65 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 49 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 64 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 59% e do 41% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 30% dos atendidos tiña entre os 20 e os 34 anos.



Por provincias, A Coruña foi a que rexistrou máis accidentes con 22 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 59. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado atenderon en sete accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 48 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en catro accidentes. En 50 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 13 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.