sábado, 7 de diciembre de 2019, 04:54
ENSINO

Desacordo da CIG-Ensino cos servizos mínimos fixados pola Consellaría para a folga do 12 de decembro

|


A CIG-Ensino mostrou o seu rexeitamento aos servizos mínimos propostos ao entender que non debería ser preceptivo que todos os centros educativos tivesen a obriga de permanecer abertos, o que de por si supón unha clara limitación para que as mestras e mestres que traballan en unitarias (non dependentes de ningún CRA) poidan secundar a folga.


As propias sentenzas do TSXG, en diferentes recursos presentados pola CIG contra anteriores decretos de servizos mínimos, foron claramente contraditorias. Por un lado chegou a afirmar que "os servizos mínimos que hai que fixar para o período de folga convocado non poderán exceder en cada centro do número de persoas que normalmente permanecen neles con ocasión dun domingo ou día festivo”, o que claramente indicaría que non tería que existir obriga de abrir os centros escolares, xa que nas fins de semana permanecen pechados. Posteriormente o TSXG emendouse a si mesmo e deu por boa a decisión da Xunta de obrigar a apertura das unitarias.


En resumo, desde a CIG Ensino denunciamos que se negue o dereito á folga a todas as compañeiras que desempeñan o seu labor nas unitarias que non estean incluídas nun CRA, e seguimos sen entender por que non se traslada o que se permite para os equipos directivos dos centros de menos de seis unidades: nos centros de menos de 6 unidades a directora ou director poderá ser substituído por un membro calquera do equipo docente. Defendemos que isto mesmo se traslade aos centros de 6 ou máis unidades.