martes, 7 de julio de 2020, 08:42

A Xunta pagará na primeira quincena de decembro axudas da PAC

|


O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo pagador dos fondos europeos adscrito á Consellería do Medio Rural, realizará ao longo da primeira quincena de decembro pagos por importes próximos aos 123 millóns de euros da PAC correspondentes á campaña de 2019. Deles, máis de 105 millóns corresponden ao saldo de axudas directas (desacopladas e gandeiras) e case 18 millóns á medida 13 de desenvolvemento rural (referida ás axudas para zonas con limitacións naturais).


As liñas de axudas directas denominadas “desacopladas” son o pago básico, o pago verde, mozos e pequenos agricultores, do que se paga o 95% do total solicitado, agás no caso dos pequenos agricultores, que recibirán o 100%. Das liñas gandeiras pagaranse os conceptos de vacún de carne e vacún de leite, e os gandeiros recibirán o 90% do importe total solicitado.


Cabe sinalar que Galicia é unha das primeiras comunidades autónomas españolas en pagar anticipos da PAC na campaña de 2019, co abono de 37 millóns de euros nestas liñas a metade do pasado mes de outubro. Desta forma, para este ano o Fogga persegue o obxectivo de pagar importes próximos aos 160 millóns de euros, dos que se beneficiarían un total de 27.000 solicitantes das axudas da PAC.