sábado, 7 de diciembre de 2019, 05:55
O VINDEIRO MARTES

A Xunta presentará no Cumio Mundial do Clima a lei autonómica de prevención fronte á seca

|

A Xunta asistirá a vindeira semana en Madrid ao XXV Cumio Mundial do Clima, onde exporá as accións que se están a impulsar desde o Goberno autonómico para adaptar a realidade galega da auga ao novo contexto de cambio climático, especialmente o proxecto de lei autonómico de prevención fronte á seca.


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participará como invitada no ciclo de debates organizados polo grupo Suez no marco desta convención das Nacións Unidas. A intervención da conselleira, que terá lugar o vindeiro martes día 3, centrarase na explicación das distintas iniciativas que está a desenvolver o Goberno galego en relación coa xestión pública da auga, como o Proxecto de lei de garantías de abastecemento en episodios de seca ou alerta sanitaria e o anteproxecto de lei de creación dunha sociedade pública autonómica de xestión do ciclo da auga, a modo de `Sogama da auga´.


Deste xeito, a Xunta amosará a súa estratexia para adaptar a xestión pública da auga ao novo contexto de cambio climático e para coordinar a resposta das administracións, tanto ante situacións de seca ou o de risco sanitario, como para apoiar aos concellos na explotación e xestión profesional dos servizos municipais da auga.


Ademais da conselleira, Ethel Vázquez, participarán neste XXV Cumio Mundial do Clima organizado por Nacións Unidas, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o xerente da entidade pública, Gonzalo Mosquera.