sábado, 7 de diciembre de 2019, 05:46
POLÍTICA

Gonzalo Caballero: "Feijóo vai pasar á historia como o enterrador da sanidade pública"

|


Thumbnail IMG 2573



O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou hoxe que Galicia “necesita un goberno de progreso que devolva á sanidade pública os medios, o compromiso e a xestión necesaria para non seguir na senda de recortes, de declive e de deterioro continuo” que lle está inflixindo a Xunta. “Feijóo vai pasar á historia como o enterrador da sanidade pública”, recalcou.


De feito, como indicou Gonzalo Caballero en rolda de prensa, a Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG abordou na súa xuntanza deste sábado a crise que atravesa a sanidade pública, que hoxe mesmo motiva unha manifestación en Verín polo peche do paritorio, que se une á supresión dos servizos de traumatoloxía, pediatría, dermatoloxía, coidados paliativos, cirurxía e anestesia. “Exemplifica a falta de compromiso do PP coa sanidade pública”, evidenciou o líder dos socialistas galegos.


Consciente de que o peche do paritorio parte dunha “decisión política” que se evitaría se houbese compromiso de “destinar os recursos necesarios para manter o servizo”, Gonzalo Caballero recordou que sempre dixo que a supresión das áreas sanitarias alleas ás cidades traería consigo “máis recortes”. “E o tempo dános a razón”, lamentou, ao tempo que advertiu de que medidas deste tipo “incrementan a desigualdade da cidadanía en función de onde viva” e afondan na perda de poboación.


Outro dos asuntos analizados na xuntanza da dirección do PSdeG foi o compromiso do goberno coa industria galega, trala firma do convenio para a construción das cinco fragatas en Navantia Ferrol. “Tras unha década na que Feijóo esqueceuse de Ferrol e do naval, porque non ten axenda de política industrial, trátase da segunda maior inversión da historia de Galicia”, destacou o máximo dirixente socialista en Galicia.



"O cambio posible"  


Ademais, a dirección do PSdeG acordou que o secretario xeral asuma a portavocía parlamentaria en substitución de Xoaquín Fernández Leiceaga e ratificou a Pablo Arangüena como coordinador dos socialistas galegos nas Cortes. Ademais, Leiceaga coordinará o grupo de traballo do que sairán as bases programáticas de cara ás vindeiras eleccións autonómicas; unha cuestión que se combinará coa celebración de distintas xornadas, a través do laboratorio de ideas, para “conectar o proxecto de cambio coa maioría progresista”.


“O PSdeG é o cambio posible, e traballaremos para fortalecer esa alternativa e dar a Galicia un goberno progresista cando haxa eleccións”, finalizou o candidato socialista á Presidencia da Xunta, quen avanzou unha axenda de traballo “intensa”.



"Cordón sanitario a Vox"


En paralelo, Gonzalo Caballero lamentou a posibilidade de que Vox entre na Mesa do Congreso e retou a Feijóo a amosar que ten “un mínimo de centralidade política e de sensatez” dando instrucións aos seus deputados en Madrid para que o impidan. “Se quere ter un mínimo de credibilidade cando fala de loitar contra a ultradereita, os deputados do PP de Galicia teñen que impedir que Vox entre na Mesa do Congreso”, recalcou, para reclamar que poñan “un cordón sanitario” a Vox como fai a dereita en Alemania ou Francia coa extrema dereita. “Que deixe o discurso de boquilla e que pase aos feitos”, concluíu.