sábado, 7 de diciembre de 2019, 04:28
POLÍTICA

Gonzalo Caballero: "Feijóo terá que deixar o PP se Vox entra na mesa do Congreso"

|


Thumbnail IMG 2574



O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, advertiu de que Feijóo ten mañá a “proba de fogo” da centralidade política da que “alardea”, despois de anunciar que deixaría a súa militancia no PP se chegase a acordos con forzas extremistas. “Se o PP permite a entrada de Vox na Mesa do Congreso, Feijóo terá que dar indicacións aos deputados galegos do PP e darse de baixa”, incidiu Gonzalo Caballero, quen sinalou que a alternativa será “amosar o seu cinismo e dicir aos galegos que engana cando fala de centralidade”.


De feito, tras alertar sobre que Vox é “unha hidra” á que non se pode permitir que se siga “estendendo” polo sistema político, o líder dos socialistas galegos recordou que “ningún conservador europeo” pecharía acordos con forzas de extrema dereita.



Crise sanitaria 


En paralelo, Gonzalo Caballero sinalou que a crise da sanidade pública galega “é cada vez máis grave”, polo que instou a Feijóo a “rectificar”. Trala “histórica” manifestación que tivo lugar en Verín o pasado sábado contra “o peche continuo de servizos” no seu hospital, o máximo dirixente do PSdeG lamentou que cada vez son máis “os retrocesos e os deterioros” no sistema público de saúde.


Ademais, nunha Galicia que perde poboación, chamou a atención sobre que a eliminación de servizos en base ao número de persoas ás que afecta redundará en recortes en “ducias de concellos”. “E nun país con salarios e pensións máis baixos que na media de España e con problemas de mobilidade, hai que comprometerse e traballar na captación de persoal”, concluíu, consciente de que “a sanidade pública ten que ser unha prioridade”.


Así mesmo, Gonzalo Caballero recordou que o PSdeG sempre dixo que “a decisión de Feijóo de eliminar as áreas sanitarias era un punto de profundización nos recortes e na redución da carteira sanitaria“.



Relevo na portavocía  


Finalmente, o voceiro do PSdeG na Cámara galega respondeu aos xornalistas sobre a chegada do AVE a Galicia para destacar o compromiso do goberno de España con esta infraestrutura. ”Non hai ningunha decisión política nin orzamentaria do goberno que implique un retraso na chegada do AVE”, subliñou para contrapoñer este feito coa ausencia de inversións na etapa na que Ana Pastor era a ministra de Fomento con Rajoy.