sábado, 7 de diciembre de 2019, 05:47
PREMIOS NACIONAIS DE ARTESANÍA

Elena Ferro gaña o Premio Nacional de Artesanía e Paula Ojea é galardoada co Premio Produto

|

Image gallery3


Dúas artesás galegas resultaron premiadas hoxe na XII edición dos Premios Nacionais de Artesanía, cuxa cerimonia de entrega se celebrou no Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Elena Ferro, do obradoiro Eferro (Vila de Cruces-Pontevedra), recolleu o trofeo que a acredita como gañadora do Premio Nacional de Artesanía pola súa obra consolidada. Así mesmo, a ceramista e enxeñeira Paula Ojea, do obradoiro Ojea Studio (Vigo), resultou gañadora na categoría Premio Produto pola colección Cut&Fold, en recoñecemento ao mellor produto ou colección dos últimos dous anos. Ambas as dúas forman parte da marca Artesanía de Galicia.


O acto de entrega contou coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro. É a segunda vez que Galicia recibe o Premio Nacional, a máxima categoría das cinco nas que se dividen estes galardóns, co que foi distinguido o obradoiro de gaitas Seivane en 2006.


Catro candidaturas de Artesanía de Galicia optaron como finalistas das cinco categorías nesta edición dos Premios Nacionais de Artesanía. Ademais de Elena Ferro e Paula Ojea, nesta 12ª edición dos galardóns tamén foron seleccionados como finalistas noutras categorías a Fundación Artesanía de Galicia e o obradoiro Anaquiños de Papel (A Coruña).


Os Premios Nacionais de Artesanía son convocados anualmente polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo co obxectivo de recoñecer as traxectorias e actuacións máis destacadas no eido da artesanía contemporánea. Deste xeito, buscan contribuír ao desenvolvemento e á competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar nelas a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado.



Elena Ferro


Elena Ferro xa fora finalista en 2011, na categoría Premio Produto. Destaca polo seu traballo cun produto característico da tradición rural: os zocos de madeira. No taller familiar, en funcionamento desde 1915, veñen desenvolvendo o seu traballo artesán tres xeracións.


Co cambio no valor de uso do calzado de traballo, Elena Ferro outórgalle un novo significado a este produto sen arrebatarlle a súa esencia, reinventándoo como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores. A través do seu traballo, a artesá dotou a este produto tradicional dun grao de innovación para adaptarse ás necesidades do mercado, novos usos e públicos.



Paula Ojea


A serie Cut&Fold de Paula Ojea caracterízase polas súas formas xeométricas imposibles, que segundo o punto de vista desde o que se observen se inclinan cara distintos lados, semellando inestables. Son pezas que exploran contrastes, entre a precisión do deseño e a irregularidade do proceso artesanal. Foron deseñadas con mentalidade e xeito de traballar propias da enxeñería e realizadas de forma artesanal.


A serie, que evoca o papel cortado e dobrado, permite incorporar deseños máis utilitarios (xerras, cuncas, e pratos) que usan chefs de alta cociña para servir as súas creacións. Os seus singulares deseños son realizados a man de xeito que nunca dúas pezas son idénticas. Desde a modelaxe ou colaxe da arxila ata o esmaltado, todo se fai de maneira individual. En 2017 este obradoiro resultara gañador da Bolsa Eloy Gesto, dentro dos Premios Artesanía de Galicia, para formación especializada nun centro de prestixio.