martes, 7 de julio de 2020, 08:36
PREMIOS DE PUBLICIDADE

O Parlamento acolle a entrega dos XXVI Premios de Publicidade en Galego

|


Image gallery



O Parlamento de Galicia acolleu hoxe ao mediodía o acto de entrega dos XXVI Premios de Publicidade en Galego, convocados conxuntamente pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, polo Parlamento Galego e polo Foro Enrique Peinador co obxectivo de impulsar e recoñecer proxectos de promoción do uso do galego desde o ámbito publicitario en cinco categorías: radio, televisión, prensa escrita, internet e centros de formación de profesionais neste sector.


Participaron na entrega os responsables das tres entidades convocantes, Miguel Ángel Santalices, Valentín García e Xosé González. O secretario xeral de Política Lingüística felicitou os premiados e animounos a seguir “na súa aposta pola lingua propia de Galicia e a contribuír ao proceso de normalización lingüística desde a publicidade e o tecido socioeconómico”, xa que “o galego é, cada día máis, marca de calidade, denominación de orixe e sinal de proximidade para o consumidor”. “Unha lingua visible e útil nun mercado fortemente competitivo no que cómpre posicionala para gañar, entre todos, a batalla da globalización”, concluíu.


Os Premios de Publicidade en Galego, impulsados ata o ano 2016 polo Consello Asesor de RTVE-G e pola Corporación RTVG, recoñecen na súa convocatoria 2019 accións publicitarias difundidas ou transmitidas integramente en galego entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.


Os traballos premiados nesta edición foron Benvidos Novos Larseiros!, da empresa Larsa e da axencia BAP Conde, na categoría de radio; Martín Códax, Fillo do Atlántico, da empresa Martín Códax e da axencia &Rosás, nas categorías de televisión e de prensa escrita; Queixos HOXE, da Cooperativa HOXE e da axencia Pío García Audiovisuais, S.L., na categoría de internet, e Stop_Bullyng, do IES Leixa de Ferrol na categoría de centro educativo.