sábado, 29 de febrero de 2020, 01:26

Tellado: "Sánchez ratificou a tripla traizón a Galicia: o IVE, o AVE e o Estatuto electrointensivo"

|

20200124 RPMTellado 03




O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, di que Pedro Sánchez, os seus ministros e os seus socios ratificaron esta semana as tres traizóns a Galicia: a do IVE, a do AVE e a do Estatuto electrointensivo. “Tres golpes que volven demostrar que este non é o Goberno central que a Comunidade merece nin necesita”, destacou.


En primeiro lugar, referiuse ás declaracións de María Jesús Montero, nas que asegurou que o Executivo socialista non ten ningunha intención de aboar os 200 millóns que se lle deben a Galicia correspondentes á mensualidade do IVE.

“É inaceptable que o Goberno do PSOE pretenda apropiarse de cartos que son dos galegos e por iso esiximos unha rectificación inmediata”, subliñou indicando que Sánchez tivo a Galicia un ano e medio agardando por estes cartos e mentiu cando prometeu que ía pagar.


Como lembrou, non é a primeira “tomadura de pelo” que lle fai este Goberno á Comunidade, pois xa o intentou coas entregas a conta de 2019, uns 330 millóns que quixo quedar con eles e que ao final rematou pagando o penúltimo día de 2019, tensionando as nosas contas.


“As débedas non prescriben. Se o Goberno lle debe 200 millóns de euros a Galicia, que son dos galegos e galegas, non pode buscar escusas de mal pagador. O que ten que facer é pagar, igual que fai calquera cidadán”, resaltou poñendo en valor que somos unha Comunidade cumpridora e leal ao Estado polo que “o mínimo que podemos esixir é que se nos trate coa mesma lealdade e que se nos dea o que é noso. Nin máis nin menos”.


Ademais, sobre este tema, o secretario xeral lamentou o papel que están a realizar o PSOE e os seus socios nesta cuestión. Nese senso, puxo en evidencia a vergoñosa defensa que fai o PSdeG de cada novo agravio de Sánchez coa Comunidade, “demostrando, unha vez máis, que hai socialistas como Emiliano García Page que defenden mellor os intereses de Galicia que os socialistas galegos”.


Así mesmo, cuestionou a actitude das Mareas de Podemos, que finxen estar indignados cunha decisión do seu Goberno, como se eles non tivesen nada que dicir dentro do Consello de Ministros; ou a do BNG, que se esqueceu da mensualidade do IVE no seu acordo co PSOE, e que dúas semanas despois de votar a investidura de Sánchez di que hai que levar ao seu socio aos tribunais porque eles xa sabían que a súa palabra non é de fiar. “O tempo pasa, pero o esperpento dentro da esquerda galega continúa”, remarcou.



Moitas palabras dos ministros pero ningún feito


Por outra banda, o número dous do PPdeG tamén falou da traizón que publicaba a ministra Arancha González Laya nunha mensaxe en Twitter na que confirmaba que o AVE galego non estará operativo ata 2022. Como precisou, trátase dunha data que non se atreveu a dar Sánchez, Ábalos, o delegado do Goberno nin a presidenta de ADIF, senón que a tivo que dar a Comisión Europea e despois unha ministra que, en teoría, non ten nada que ver co AVE.


“É unha mágoa que, para unha vez que un ministro do Goberno Sánchez di a verdade, a obrigasen a rectificar”, apuntou ao tempo que afeaba que Ábalos vaia vir á Comunidade esta fin de semana a facer o que fan todos os ministros de Pedro Sánchez: dar mitins. “Moitas palabras e ningún feito. Ningún deu solucionado ningún problema para Galicia nestes meses e non cómpre esperar que o señor Ábalos o faga nin hoxe nin mañá”, salientou.



Falta de axenda política para Galicia


Por último, Tellado comentou a negativa do Executivo socialista, unha semana máis, a aprobar o Estatuto das industrias electrointensivas e criticou a súa falta de axenda política para Galicia, e de maneira especial a vinculada ao ámbito enerxético, o que está provocando unha desconexión industrial progresiva na nosa Comunidade. “O exemplo máis claro é que o Goberno está sendo incapaz de aprobar un estatuto para os consumidores electrointensivos que fixe un prezo eléctrico estable e competitivo que permita ao sector traballar en igualdade de condicións que o resto de Europa”, engadiu.


“A escusa de ser un goberno en funcións xa non lle serve e agora non temos claro cal é a súa folla de ruta: mentres a ministra de Traballo afirma que é cuestión de días a aprobación do Estatuto, a titular de Industria pide tranquilidade ao tecido industrial”, manifestou.


Pola súa parte, recoñeceu que desde o PPdeG entenden a preocupación dos traballadores e das familias e que continuarán apoiando as súas reivindicacións, “que tamén son as nosas”: “Seguiremos defendendo a competitividade da nosa industria, os postos de traballo e ás nosas comarcas dos ataques dun Goberno que cada día é máis inimigo da actividade económica”.