sábado, 29 de febrero de 2020, 02:00

A Xunta autoriza o inicio do procedemento para reclamar xudicialmente ao Goberno o pago dos 200 millóns do IVE que debe a Galicia

|

200130 pte rpconse 03a



O presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, avanzou hoxe en rolda de prensa que o Consello da Xunta autorizou á Asesoría Xurídica e a Consellería de Facenda a que inicien o procedemento para reclamar xudicialmente ao Goberno o pago dos 200 millóns de euros que debe a Galicia pola mensualidade do IVE do ano 2017, que é unha parte substancial dos 370 millóns de euros que aínda lle adebeda o Executivo a todos os galegos.


Enviarase ao Executivo un requirimento previo, tal e como se establece na Lei, e ante o cal o Goberno terá un mes para responder. De non facelo ou facelo en sentido negativo, de maneira inmediata a Xunta presentará un recurso contencioso-administrativo.

“Trátase de cobrar a mensualidade do IVE recadado no ano 2017, a mensualidade do mes de decembro, mensualidade que foi recadada polo Goberno central, que foi ingresada no Ministerio de Facenda e que non foi transferida á facenda autonómica”, explicou o presidente da Xunta e incidiu en que estamos ante un “feito lamentable, novidoso e unha enorme deslealdade”. Ademais, lamentou que o Goberno non quixo “nin dialogar nin acercar posturas nin concretar acordos nin concretar solucións”

Polo tanto, “ante tal incumprimento de forma sistemática desde o mes de febreiro do ano 2019 ata o de agora nos vemos na obriga de denunciar ao Goberno central e o lamentamos profundamente”, aseverou. O Goberno central leva case ano e medio sen convocar o Consello de Política Fiscal e Financeira, unha situación sen precedentes nas últimas décadas e un feito ilegal porque incumpre o regulamento do propio CPFF que obriga a reunilo polo menos dúas veces ao ano.


O xefe do Executivo galego lembrou que nos últimos once meses –desde que as Cortes rexeitaron o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado nos que se incluía o pagamento desta contía- a Xunta: reclamou a convocatoria urxente do CPFF en varias ocasións; reclamou por carta ata en catro ocasións as cantidades pendentes de pago; reclamou o pago inmediato da mensualidade do IVE de 2017, e achegou en setembro un informe xurídico para desbloquear a situación. E, incluso, en ton construtivo, fixo un borrador de real decreto-lei para habilitar os pagos a Galicia e ao resto das Comunidades Autónomas que podía aprobar o Goberno de España en calquera momento durante o período no que as Cortes estiveron constituídas. “Pero durante estes once meses nos cansamos de escoitar mentiras, escusas para dilatar o pago da débeda”, salientou.

Todos esta impagos causaron e seguen causando importantes prexuízos a Galicia cunhas importantes tensións de tesourería e cun incremento do déficit.


Ademais, Feijóo lamentou que chegamos a este 2020 cunha “triple tomadura de pelo” xa que din que non van pagar os 200 millóns de IVE, que eses cartos desapareceron e que xa pasou o prazo para reclamar ese diñeiro. O responsable do Goberno galego concluíu salientando que se trata dunha reclamación que “vai moito máis alá do Consello da Xunta e do seu presidente”, xa que foi respaldada de xeito case unánime polo Parlamento galego; foi reclamada tamén por outras Comunidades Autónomas e hai consenso entre os expertos en financiamento. “As débedas públicas non teñen caducidade”, insistiu.