sábado, 29 de febrero de 2020, 00:42
POLÍTICA

Tellado: "Se o Goberno non ten os 200 millóns do IVE dos galegos ten que aclarar en que os gastou"

|


20200131 sin tu00edtulo 01


O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou que é un insulto á intelixencia que a ministra de Hacienda diga que o diñeiro do IVE que debe a Galicia “non existe”, xa que son 200 millóns xa recadados. “Se o Goberno xa non os ten, debe aclarar en que gastou un diñeiro que era para a sanidade, a educación e os servizo sociais de todos os galegos”, engadiu.


Os populares lamentan ter chegado a esta situación pero, segundo recordou o número dous do PPdeG, Galicia esgotou todas as vías previas á Xustiza: “Ofrecemos todo o diálogo posible, propuxemos que se reunise o Consello de Política Fiscal e Financeira e chegamos a redactar un borrador de Decreto-Lei que demostraba a posibilidade legal de facer o pago pero só obtivemos silencio”.


“Non nos quedou alternativa”, subliñou precisando que “este presidente, este Goberno, e este partido non poden renunciar a ningunha vía para defender os intereses da Comunidade e non van consentir que Pedro Sánchez se siga a rir dos galegos, nin dos nosos servizos públicos”.


Ademais, referiuse á aprobación por parte do PSOE de Lugo e Santiago da moción do PP que reclamaba ao Goberno o pago desta débeda e ao lugar no que isto deixa ao seu secretario xeral: “Gonzalo Caballero está quedando só na defensa de Sánchez, tamén dentro do seu partido”, manifestou apuntando que hai socialistas con responsabilidades de Goberno, como Emiliano García-Page, ou que desde a oposición, como Susana Díaz, se suman a unha reivindicación xusta; do mesmo xeito que agora tamén hai socialistas galegos que se están a dar conta de que Caballero está empeñado en defender o indefendible.


“Está moi claro que Gonzalo Caballero non é o líder que nin Galicia nin o PSdeG merecen, senón o seguidor que Pedro Sánchez necesita para que aplauda cada un dos desprezos á nosa Comunidade”, afirmou.



Seguir investindo no futuro


Por outra banda, o secretario xeral tamén lembrou os datos coñecidos esta semana que revelaban que Galicia pechou o ano 2019 coa taxa de abandono educativo temperá máis baixa desde que existen rexistros, un 12,6%. “O sistema educativo galego foi quen de reducir a súa taxa de abandono en máis dun 50% durante a actual etapa de Goberno de Feijóo, do 25,8% rexistrado no 2009 ao 12,6 de media do ano que vén de rematar”, salientou.


“O PPdeG sabe que investir en Educación é investir no futuro da nosa Comunidade e seguirémolo facendo. Os resultados aválannos e anímannos para seguir adiante por este camiño”, resaltou Tellado mentres poñía en valor que a nosa taxa media de abandono temperá no ano 2019 está moi por debaixo (case 5 puntos) da media española, que foi do 17,3%: “Galicia cumpre así o obxectivo marcado para España pola UE para 2020, fixado nun 15%. Unha vez acadado este fito, continúamos a traballar para avanzar máis aló”.


Cómpre sinalar que a diminución progresiva da taxa de abandono é posible ao abeiro de diferentes iniciativas: os contratos-programa que arrincaron no curso 2011/2012 con 144 centros e que este curso chegan xa a 635 colexios e institutos; o plan de reforzo das competencias do alumnado, ARCO, con accións que se desenvolverán dentro do horario lectivo; a estratexia Edudixital, co impulso das vocacións STEM e da presenza das novas tecnoloxías nos centros e o programa Edulingüe; ou a ampla e variada oferta de FP.


Así, estes bos rexistros únense aos que revelou o último informe PISA, no que colocaba a Galicia á cabeza de España en competencia científica e melloraba os resultados en matemáticas, escalando tres postos na clasificación das Comunidades Autónomas. “Datos como a redución da taxa de abandono escolar á metade en 10 anos, a continua mellora dos resultados nos sucesivos Informes PISA ou recoñecementos como o de que a nosa educación é a máis equitativa de España e das máis equitativas de Europa son reveladores de que Galicia apostou durante a década do Goberno Feijóo por unha educación de calidade, accesible e que non deixa a ninguén atrás”, concluíu.