sábado, 29 de febrero de 2020, 02:26
POLÍTICA

Gonzalo Caballero, a Feijóo: "Parece que ten medo a que fale a xente"

|


Gonzalo Caballero Veru00edn 310120


O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe ás persoas que estiveron pechadas ao longo dos últimos meses para protestar contra a decisión de Feijóo de clausurar o paridoiro de Verín. Así, destacou a loita de “profesionais e cidadáns comprometidos”, ata o punto de que Verín converteuse na “referencia da loita en defensa da sanidade pública”.


Ao fío desa “mobilización clara e rotunda para frear un peche para o que alegaron criterios técnicos que eran políticos, e cos que acabarían pechando todos os paridoiros comarcais”, o líder dos socialistas galegos criticou o intento de Feijóo de “calar a voz da cidadanía” esixindo a retirada dos carteis contra o peche do paridoiro de Verín.


“Quere silenciar a liberdade de expresión en defensa da sanidade pública”, denunciou Gonzalo Caballero, consciente de que sen eses carteis e sen a mobilización manteríase o peche decretado pola Xunta. Por tanto, reclamou a Feijóo que “recúe tamén nese ataque”, porque “a cidadanía e os profesionais merecen poder defender o público dos seus recortes”.

“Parece que Feijóo ten miedo a que fale a xente”, recalcou o candidato socialista á Presidencia da Xunta, crítico con que “Feijóo só quere a publicidade institucional da Xunta e o control sistemático dos medios públicos”.



Consentemento reforzado  


En paralelo, Gonzalo Caballero rexeitou o consentemento informado reforzado que pretende impoñer Feijóo para dar a luz en Verín e reclamou poñer fin a esa “estratexia de restar credibilidade aos profesionais e de de meter medo ás mulleres”.

“Non se pode aceptar”, deixou claro o máximo dirixente do PSdeG, para quen “a sanidade pública é segura e ten que selo”. Por iso, rexeitou os “argumentos falaces” sobre a falta de pericia dos profesionais.


Finalmente, tras poñer en valor de novo que “a Galicia do futuro quere unha sanidade pública de calidade e de proximidade”, Gonzalo Caballero asegurou que “nós seguiremos traballando” por esa causa. “As infraestruturas son importantes, pero o servizos públicos dan igualdade e calidade de vida”, finalizou.



"Hospital de primeiro nivel"  


Tamén compareceu ante os medios o xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín, Javier Castrillo, quen advertiu de que a Xunta “non pode impoñer un consentemento en Verín diferente ao dos outros hospitales galegos”. “Somos un hospital de primeiro nivel”, reivindicou, e recalcou que “non se pode abrir en precario ningún servizo”. “Non aceptamos que se reabra o paridoiro con medios que non son os suficientes e os necesarios para dar unha correcta asistencia”, concluíu.