sábado, 29 de febrero de 2020, 01:01
POLÍTICA

Gonzalo Caballero, a Feijóo: "O problema de Galicia non é o seu discurso sobre o IVE, o problema é vostede"

|


Thumbnail Gonzalo Caballero 05



O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, levou hoxe á sesión de control do Parlamento a crise da sanidade pública. E, tras enumerar ducias de concellos nos que a xente está saíndo á rúa a causa dos “recortes” e o “desmantelamento” que está impoñendo Feijóo, preguntoulle se “están todos equivocados”. “Porque ten incluso ao PP en contra”, advertiulle.


Así as cousas, nun contexto de “anuncios preelectorais” de novos hospitais e de servizos longamente demandados, como a hemodinámica 24 horas en Ourense e Lugo, que só amosan “a preocupación” de Feijóo ante o cambio de ciclo político en Galicia, Gonzalo Caballero retou a Feijóo a cumprir coas súas verbas e “comparecer no Parlamento para un debate monográfico sobre a sanidade pública”.


E é que, como sinalou o líder do PSdeG, a pesares da súa frase de “os médicos mandan e nós obedecemos” coa que tentou xustificar o peche do paridoiro de Verín, Feijóo “non escoita aos profesionais que lle piden non ter que atender a máis de 30 doentes ao día ou poder dedicar 10 minutos a cada consulta”. “O seu compromiso coa sanidade pública vese no caso dunha enfermeira que asinou 27 contratos laborais co Sergas nun só mes”, remachou Gonzalo Caballero, e criticou que a resposta da Xunta ante as protestas crecentes sexa “impoñer unha lei mordaza na sanidade pública” para evitar carteis como os de ‘Verín non se pecha’.


“Porque sabe que foi esa mobilización a que o puxo contra as cordas, e que, sen esa protesta masiva, o paridoiro de Verín seguiría pechado”, recalcou o máximo dirixente dos socialistas galegos: “hai unha maioría que está defendendo a sanidade pública e vostede non a quere escoitar”.


Dito isto, Gonzalo Caballero criticou a estratexia de Feijóo de tentar culpar “de todo” ao goberno progresista en España, e afeoulle “a súa escalada de mentiras”. “O problema de Galicia non é o seu discurso sobre o IVE, o problema é vostede: as súas políticas sanitarias, o seu fracaso no rural, o seu esquecemento das cidades, que deixa unha Galicia con menos xente traballando que cando chegou... Os problemas de Galicia vainos encarar un novo goberno progresista”, sentenciou o voceiro socialista no Parlamento.


E, de paso, recordoulle que o goberno presidido por Pedro Sánchez “subiu as pensións a 700.000 galegos, o salario mínimo a 83.000 galegos e o soldo a 100.000 traballadores públicos de Galicia”, e sen desatender a importancia da transición ecolóxica. Ao fío disto, sinaloulle que regulamento de Costas e a lei vixente son as que deixou aprobadas o goberno do PP. 


Por último, Gonzalo Caballero esixiu a Feijóo que dea “explicacións do que facía o goberno de Rajoy, que usaba os fondos reservados para tapar as chanchulladas do PP”. “Vostede era membro da súa xunta directiva”, engadiu, para advertirlle de que “non está capacitado para dar leccións”.