sábado, 29 de febrero de 2020, 00:53
POLÍTICA

Gonzalo Caballero: "Os socialistas estamos preparados para o cambio de ciclo"

|


Thumbnail IMG 0139


O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, levou hoxe “a axenda de cambio” ata Ourense, onde mantivo unha xuntanza de traballo con cargos do partido na provincia, e criticou que Feijóo tente “despistar á opinión pública” sen aclarar o escenario electoral.


“Busca despistar do seu fracaso, e non falar dos seus recortes na sanidade, do abandono do rural..., porque sabe que as contas non lle dan”, agregou o líder do PSdeG, antes de requirir a Feijóo “que teña responsabilidade e dignidade política” para non facer “vantaxismo” coa data electoral.


En todo caso, Gonzalo Caballero deixou claro que “os socialistas estamos preparados para o cambio de ciclo” cando Feijóo queira poñer as eleccións, co aval do traballo feito dende a súa chegada á Secretaría Xeral do PSdeG e tamén da labor do goberno de Pedro Sánchez. “Amosa que o país avanza cando gobernan os progresistas e retrocede cando o fan os conservadores”, evidenciou.


Así é, como concluíu, que “hai un novo vento a favor do progresismo en Galicia” e que a mobilización desa Galicia nova que “non se resigna ao diagnóstico en branco e negro do PP” será clave. Ao fío disto, o candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta chamou a secundar a manifestación de mañá en Santiago a “todos os que defendemos a sanidade pública, co peche do paridoiro de Verín como punta do iceberg dos recortes de Feijóo”.



Intermodal de Ourense  


No que atinxe á intermodal de Ourense, Gonzalo Caballero recordou que “ten o selo do PP”, posto que o proxecto foi aprobado cun alcalde do PP, un presidente da Xunta do PP e unha ministra e un presidente do goberno do PP, mentres que os socialistas estamos a favor de acometer todas as melloras posibles que favorezan á cidade.


A maiores, o líder socialista sinalou que Feijóo ten que aclarar aos ourensáns e ás ourensás a ubicación onde decidiu poñer a estación de autobuses, que tanto rexeitamento está xerando na cidade. O máximo dirixente do PSdeG reclamou que Feijóo e “o seu alcalde” de Ourense comparezan para “explicar o seu proxecto para a cidade”. Pola súa banda, abriu a porta a estudar opcións “para integrar a estación intermodal no territorio do mellor xeito posible”.



Financiamento autonómico  


En paralelo, tamén a preguntas dos xornalistas, Gonzalo Caballero subliñou que “a única fórmula para solucionar o problema do IVE que xerou Montoro en 2017 mentres Feijóo aplaudía” é un goberno progresista que busque “mecanismos de corrección” ben vía Orzamentos Xerais do Estado, ben vía novo modelo de financiamento autonómico. “O PP xerou o problema e impediu solucionalo en 2019, pero o goberno progresista buscará como drenar fondos ás comunidades”, recalcou o líder socialista en alusión a un problema que, lonxe do “España nos roba en versión Feijóo”, afecta a todas as comunidades.


Ademais, Gonzalo Caballero lamentou que “Feijóo non quere falar” do informe do Tribunal de Cuentas que recolle que “a parálise das obras do AVE entre 2014 e 2017, co goberno de Rajoy, implicou un sobrecuste de 500 millóns de euros”. “Pero Feijóo non asume ningunha responsabilidade”, agregou o dirixente socialista, consciente de que eses fondos máis que duplican os cartos do IVE de 2017. “Está nunha vía de confrontación que non resolve os problemas dos galegos”, concluíu.