sábado, 29 de febrero de 2020, 01:19
POLÍTICA

Gonzalo Caballero: "Estamos preparados para cumprir con Galicia"

|


Thumbnail 110220


O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, convocou hoxe a todos os galegos a “unha gran alianza para traballar por unha Galicia mellor” a partir do vindeiro 5 de abril despois de 11 anos de Feijóo nos que “Galicia foi a peor en todos os parámetros importantes”, como emprego, demografía e servizos públicos.


Gonzalo Caballero compareceu hoxe ante os medios para subliñar que o PSdeG representa “o cambio no que se pode confiar” e que, ademais, é “necesario” para superar os retos que ten por diante Galicia. “Eu non me resigno ao balance negativo que deixa Feijóo nin a un presidente que mentiu incluso co calendario electoral”, remarcou, ao recordar que Feijóo chegou a asegurar que non había “ningún motivo” para adiantar os comicios.


“Incumpre unha vez máis a súa palabra para tentar acadar algún vantaxismo que lle poida dar os réditos que foi perdendo”, evidenciou o líder dos socialistas galegos, consciente de que Feijóo cada día é “un problema maior” para Galicia. En todo caso, Gonzalo Caballero deixou claro que “estamos preparados” para afrontar esta cita. “Temos todos os deberes feitos para xerar o cambio que Galicia necesita e para facelo dende os valores do progresismo, do galeguismo, do compromiso ecolóxico, do compromiso coa política próxima á cidadanía e coa defensa dos servizos públicos. Imos cumprir con Galicia”, remarcou.



"O cambio é imparable"  


Neste escenario, o secretario xeral do PSdeG apelou a esa “nova maioría social que emerxeu con forza” nas distintas convocatorias electorais do ano pasado para dicirlle a Feijóo que “non nos resignamos” á súa “falla de proxecto” para Galicia.

“Imos patear o país de arriba abaixo para falar con todos os galegos. Porque se hai moita participación o 5 de abril, non hai ninguén que pare o cambio”, agregou o dirixente socialista, antes de finalizar: “Nada está feito, pero o vento de cambio sopra con forza”.