sábado, 29 de febrero de 2020, 01:05
POLÍTICA

Ana Pontón: "Sería unha revolución que por primeira vez este país teña unha muller nacionalista na Presidencia"

|


FOTO EXECUTIVA NACIONAL 2


O BNG ve as eleccións do 5A  como “unha gran oportunidade para poñer unha nova Galiza en marcha” que deixe atrás a desfeita de dez anos de Feixóo e dar paso a un cambio real que o Bloque está preparado para liderar. “Sería unha revolución que por primeira vez teñamos unha presidenta do BNG”, proclamou a portavoz nacionalista e candidata, Ana Pontón.


Na súa primeira comparecencia tras a baixa por maternidade, Pontón destacou que só a formación nacionalista pode abrir un tempo novo, “porque somos a única forza coas mans libres para levar adiante un proxecto de país, pensado para mellorar a vida da maioría social, a única forza que non ten que mirar para Madrid para pedir permiso, porque temos o centro de decisión en Galiza”.


Por iso, o Bloque vai “saír a por todas”  porque non chega con “cambios cosméticos nin con cambios de cara”. Neste sentido, destacou, “hai que superar o tempo da alternancia na discriminación das forzas estatais, superar o tempo dos que din unha cousa cando están na oposición e a contraria cando están na Moncloa. Galiza non precisa máis gobernos sucursalistas de Madrid, - nin dunha cor, nin doutra-, precisa un goberno coas mans libres ao servizo deste país e deste pobo, un goberno liderado polo BNG”.


Tras a reunión extraordinaria da executiva nacional,  Pontón instou a facer unha gran mobilización social, e fixo un chamamento “a sumar no BNGa todas as persoas que queren un cambio real para empezar a construír unha Galiza máis xusta, con oportunidades, con benestar social, con igualdade e na que poder vivir e traballar. Teñen o meu compromiso e de todo o Bloque de que non lles imos fallar”.


A candidata nacionalista puxo empeño en recalcar a importancia dos comicios do 5A para pasar a páxina do Goberno “fracasado e esgotado de Feixóo, dunha década de submisión e irrelevancia política para empezar a reverter as nefastas consecuencias dun presidente ausente, incompetente e desleal”.  



Bágoas de crocodilo


“Con bágoas ou sen bágoas de crocodilo o que non pode tapar Feixóo é a desfeita dos seus dez anos de goberno, que deixa unha Galiza peor que a que atopou, cunha sanidade pública tocada, servizos básicos deteriorados tras conducir o país á irrelevancia política porque sempre estivo atado de pés e mans, primeiro a Raxoi e agora a Casado, e nunca defendeu os intereses dos galegos e das galegas”.


Por todo iso, amosouse convencida de que será derrotado nas urnas, porque o PP está a baixa e xa hai unha maioría social que lle da as costas. O Bloque, recalcou, “ten un proxecto serio e solvente, unido, somos unha forza política que cumpre a palabra dada, honesta e traballadora, que demostramos alí onde gobernamos que somos capaces de transformar en positivo para mellorar a vida das persoas. E con este aval imos pedir a confianza dos galegos e das galegas o cinco de abril”.


E con ese obxectivo vai desenvolver unha “campaña intensa, porta a porta, a pé de rúa, para que ningunha persoa que queira o cambio real quede na casa o 5A para conseguir o gran reto que temos por diante: que Galiza teña unha muller nacionalista á fronte”, concluíu.