lunes, 6 de abril de 2020, 13:58

O Son do Camiño medrará por riba dos 100.000 asistentes cun cartel de éxitos internacionais

|


200306 turismo 05x


O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, xunto coas empresas organizadores de O Son do Camiño, presentou hoxe a terceira edición deste festival, a gran cita musical coa que a Xunta promove o Xacobeo 2021 e que, un ano máis, congregará a artistas de primeiro nivel no Monte do Gozo. Este evento, que se celebrará os días 18,19 e 20 de xuño, volverá situar Galicia como un referente do turismo de festivais da man dunha decena de bandas de renome internacional, que suman 12 premios Grammy, e dunha quincena de artistas e bandas da nosa Comunidade que converterán esta edición na máis galega da historia do evento.


Tras o éxito acadado nas súas primeiras edicións, con preto de 97.000 asistentes e máis dunha vintena de recoñecementos, O Son do Camiño estará protagonizado este ano por nomes como The National, The Chemical Brothers, Bad Bunny, Liam Gallagher, Jason Derulo, DJ Snake, Foals, Daddy Yankee, Armin Van Burren, Editors, Timmy Trumpet, Kase.O e Natos y Waor, entre outros. Así o deron a coñecer o titular de Cultura do Goberno galego e as empresas organizadoras do festival, representadas por Carlos Rodríguez, de Esmerarte Industrias Creativas, e Iván Méndez, de Bring The Noise, nunha rolda de prensa na Cidade da Cultura que contou coas actuacións de Xoel López e de Budiño. Igualmente participou Víctor Mantiñán, responsable de patrocinios musicais de Estrella Galicia.



O 88% presentará o seu último traballo  


Román Rodríguez subliñou durante a súa intervención a relevancia dos artistas que acudirán a esta terceira edición do festival, xa que moitos deles foron cabezas de cartel nalgúns dos festivais e eventos máis importantes do mundo como a Super Bowl, o festival Coachella ou LollaPalooza, así como nas principais citas musicais a nivel nacional.


Do mesmo xeito, contan con algúns dos premios máis prestixiosos da industria musical, sumando ata 12 premios Grammy, e a meirande parte deles –en concreto un 88%– chega a esta cita presentando os seus últimos traballos, o que converte O Son do Camiño nun evento ligado ao panorama musical máis actual. De feito, os interpretes do festival suman máis de 35 billóns de escoitas nas principais plataformas de streaming e preto de 100 millóns de seguidores nas redes sociais, o que amosa a súa capacidade de mobilización.


Do mesmo xeito, o conselleiro resaltou o protagonismo das bandas e artistas da nosa Comunidade, con ata 15 actuacións de interpretes como Xoel López, Guadi Galego, Triángulo de Amor Bizarro, Presumido, Budiño, Escuchando Elefantes ou Cora Velasco. Neste sentido, recalcou que a cita contribuirá a difusión de Galicia e do talento local.



Venda de abonos o 10 de marzo  


O cartel complétase cunha ampla variedade de artistas como Lola Índigo, Miss Cafeína, Carolina Durante, Rayden, The Killer Barbies, Sen Senra, Adriana Proenza, Furious Monkey House, Pablo Lesuit, Boyanka Kostova, Woyza, Kings of the Beach, Tigre y Diamante, Oddliquor, Inmir, Carolina Rubirosa, Les Castizos, Cha chá Soundsystem e Natalia Ferviú. “Do mesmo xeito que o Camiño de Santiago, este festival convoca a xente de todas as idades, nacionalidades e preferencias”, subliñou o conselleiro.
Segundo informaron os organizadores, os abonos poranse á venda a partir do vindeiro martes 10 de marzo na web oficial do festival e en eventbrite.es, as canles autorizadas. Sairán á venda cun prezo especial de lanzamento de 59 euros máis gastos de xestión.



Máis aloxamento e servizos  


A Xunta mantén a súa aposta por este evento, que nas súas dúas primeiras edicións contou cunha gran acollida do público, ao esgotar abonos e entradas en tan só unhas horas, converténdose no sold out máis rápido de toda España. Do mesmo xeito, O Son do Camiño trouxo consigo un importante retorno económico, superior aos 14 millóns de euros e xerando máis de 900 postos de traballo directos e indirectos e un 100% de ocupación hoteleira durante as tres xornadas grazas á chegada de viaxeiros de todo o mundo. En concreto, o 59% dos asistentes procederon de fóra de Galicia, duns 45 países de todo o mundo.


No caso da última edición, agárdase superar os 100.000 asistentes tras a ampliación do aforo do Monte do Gozo, que se está acometendo nestes momentos xunto ao plan de seguridade. O festival conta neste 2020 con tres escenarios, un máis que o ano pasado, un área de restauración e cámping con capacidade para 4.000 persoas. Ademais, por primeira vez estará operativo o renovado recinto de aloxamento xestionado por Carrís Hoteis.


Unha vintena de recoñecementosEsta terceira edición afondará en valores como a sustentabilidade, a igualdade e a inclusión a través de diferentes accións que se desenvolverá no marco da celebración. Tal e como salientou o responsable de Cultura e Turismo, con só dúas edicións en marcha O Son do Camiño constitúe unha proposta musical consolidada, única e interxeneracional que recibiu máis dunha vintena de premios e nominacións. Por iso, amosou a súa confianza nun novo éxito a través da combinación de recoñecidos artistas internacionais con algúns dos interpretes galegos de maior éxito actual e outras bandas máis emerxentes.