lunes, 6 de abril de 2020, 14:15

Feijóo avanza a posta en marcha de novas actuacións para conter o contaxio do coronavirus

|


200312 Pte ConselloRP DCS 03


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a posta en marcha de novas actuacións centradas na prevención para conter o contaxio do coronavirus, seguindo os consellos dos expertos na materia. Deste xeito, no eido educativo, anunciou a suspensión das actividades lectivas e extraescolares en todos os niveis educativos, a partir do vindeiro luns e durante 14 días -a partir do luns de forma oficial e a partir de mañá de forma recomendada-. “Se os pais e as nais teñen dificultades para organizarse, os centros van estar abertos mañá, pero a partir do luns, desde o punto de vista de aceptación de alumnos, quedarán pechados”, explicou.


Así mesmo, están suspendidas as prácticas que realizan os alumnos dos graos en Ciencias da Saúde ou doutras titulacións e ciclos formativos, en calquera centro sanitario situado na Comunidade. No ámbito de política social, o titular do Goberno galego informou do peche dos centros sociocomunitarios a partir de mañá. Ademais, da limitación das visitas aos residentes maiores de 70 anos ou con patoloxías cardíacas ou respiratorias previas; non aceptar visitas de persoas con síntomas respiratorios ou febre e de limitar a presenza de residentes en actividades en espazos pechados.


Sobre as actividades deportivas, Feijóo resaltou a suspensión da actividade do programa Xogade; e a suspensión ou celebración a porta pechada de todas as actividades deportivas, incluíndo as municipais, que conleven asistencia de público. Así mesmo, lembrou que, onte mesmo, a Administración autonómica pediu ás federacións que toda competición deportiva oficial sexa disputada a porta pechada e incluso, sempre que sexa posible, suspendida ou aprazada. 


Novas limitacións de aforo


No tocante a outras actividades, o responsable do Goberno galego anunciou novas limitacións de aforo: en recintos pechados con capacidade para máis de 50 persoas, limitarase a asistencia a un terzo do aforo. “É dicir, nun espazo, por exemplo, de 900 persoas, non poderán acceder máis de 300”, abundou, recordando a suspensión de todas as actividades colectivas celebradas en espazos pechados que impliquen máis de 1.000 persoas; e, no caso de espazos abertos, limítase o aforo a 500 persoas.


Ademais, péchanse os museos, as bibliotecas e os arquivos xestionados pola Xunta de Galicia; “e recomendamos que se faga o mesmo neste tipo de recursos culturais xestionados por calquera entidade pública ou privada”, dixo Feijóo. En relación á Función Pública, salientou a aprobación dun protocolo de actuación para os empregados públicos da Xunta que, entre outros aspectos recolle: pautas e recomendacións, medidas de protección, a posibilidade de adoptar medidas de flexibilidade horaria, a posibilidade de poñer en marcha o teletraballo e a posible reorganización das quendas de traballo. 


Ademais, a suspensión na Casa de Galicia en Madrid de calquera actividade que aglutine grupos de persoas, como concertos, inauguracións ou conferencias. No ámbito sanitario, ademais de limitar a unha persoa como acompañante do paciente durante a estadía no centro, suspéndense as visitas dos visitadores médicos e farmacéuticos e as actividades de voluntarios, e promoverase a e-consulta e a consulta telefónica.


Cómpre salientar tamén que, a maiores do material xa adquirido e anunciado no pasado Consello, hoxe o Consello da Xunta autorizou un convenio co Servizo Vasco de Saúde para subministro sucesivo de mascarillas a Galicia nos próximos tres meses. “En definitiva, seguimos a traballar en todas as frontes para minimizar o impacto do coronavirus, e seguimos crendo que hai que actuar canto antes e con anticipación; o obxectivo é cortar as posibilidades de contaxio e iso só se fai prevendo e non esperando a que haxa unha incidencia superior”, dixo, lembrando que, baixo este obxectivo, habilitouse un teléfono de información, o 900 400 116, para atender as dúbidas dos cidadáns, reforzouse o 061, contratáronse 60 novos profesionais e destináronse case dous millóns de euros á compra de material para os hospitais.



Reunión da Comisión Interdepartamental e encontros sectoriais


Logo de especificar que todas as medidas se publicarán mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG), Feijóo confirmou que esta mesma tarde volverá presidir a Comisión Interdepartamental, posta en marcha para coordinar a resposta da Xunta ante esta crise e ofrecer información puntual e recomendacións a toda a cidadanía, e na que hoxe tamén se analizarán as decisións adoptadas no Consello de Ministros.


Ademais, estanse xa a levar a cabo encontros sectoriais cos distintos colectivos -sindicatos e representantes empresariais, sector do turismo, Fegamp, federacións deportivas, reitores, directores de centros educativos e formacións políticas, entre outros-. Durante a rolda de prensa, Feijóo tamén lembrou que, o vindeiro luns, manterá unha reunión cos responsables das distintas formacións políticas para analizar a evolución do coronavirus e para trasladarlles toda a información do que aconteza na reunión de presidentes, prevista para o vindeiro sábado a través de videoconferencia.


O presidente da Xunta concluíu facendo un chamamento á cidadanía sobre a atención ás recomendacións. “Seguiremos en preaviso e en prealerta desde a máis estrita responsabilidade”, aseverou, precisando que, ás 13,00 horas, os casos confirmados en Galicia son 35 e os casos pendentes de confirmación son 28.