lunes, 6 de abril de 2020, 14:32

Galicia despide un inverno moi cálido

|

O inverno meteorolóxico en Galicia foi moi cálido e normal en canto ás precipitacións. Esta é a principal conclusión do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, segundo o cal a temperatura media na comunidade durante o período decembro-febreiro foi de 9,8 graos, é dicir, 1,31 graos máis que a media rexistrada desde o ano 1961.

A estación, desde o punto de vista da temperatura, non presentou grandes diferenzas entre uns meses e outros. Así, mentres decembro e xaneiro foron períodos cálidos tanto no relativo ás máximas como ás mínimas, febreiro foi o mes máis cálido de todo o inverno, cunha anomalía media de 2,71 graos con respecto aos valores agardados. A isto contribuíron as sucesivas situacións anticiclónicas que se viviron durante este período, con episodios puntuais que mesmo permitiron a entrada en Galicia de aire cálido procedente do norte de África e que deixou rexistros máximos históricos en moitas localidades.

En xeral, no conxunto da comunidade a estación foi moi cálida, sendo o precedente máis próximo o inverno de 2015-2016. Chama tamén a atención que este ano tanto as temperaturas máximas medias como as mínimas foron moi altas e no caso particular das mínimas, rexistráronse os terceiros valores máis elevados das últimas dúas décadas.

Os valores máis extremos rexistrados durante este período concentráronse nas zonas de montaña de Lugo e de Ourense, con anomalías nas temperaturas medias que mesmo chegaron a superar os 3 graos. Pola contra, os rexistros máis baixos déronse na zona de Santiago e rexións costeiras das rías de Arousa e de Noia.


Decembro moi húmido e febreiro seco


Polo que respecta ás precipitacións, o comportamento meteorolóxico do pasado inverno estivo preto da normalidade, en contraste co do ano pasado, que resultara seco. Cunha porcentaxe de chuvias un 17% superior aos valores normais para esta época do ano, a media para o conxunto de Galicia tendo en conta os datos obtidos nas 16 estacións máis representativas foi de 507 litros por metro cadrado.

Desde este punto de vista, os tres meses do período analizado tiveron un comportamento bastante desigual. Así, mentres decembro resultou un período moi húmido, cun 68% máis de chuvias do normal, xaneiro rexistrou valores próximos aos habituais e febreiro mesmo puido considerarse un mes en xeral seco debido á persistencia das situacións anticiclónicas.

A anomalía calculada a partir das principais estacións meteorolóxicas da comunidade apunta a que, no conxunto da comunidade, o mes pasado choveu un 50% menos do habitual, un valor moi similar ao que se obtivera en febreiro do ano pasado.

En canto á distribución zonal, os valores máis altos de auga acumulada concentráronse o pasado inverno en zonas altas do terzo oeste da comunidade, con picos puntuais nos que se superaron os 1.000 litros por metro cadrado. Pola contra, en localidades ourensás como Xinzo ou na comarca de Valdeorras así como nalgúns puntos da mariña lucense os valores non chegaron a superar os 300 l/m2.

As anomalías de precipitacións rexistradas durante o inverno 2019-2020 na provincia de Ourense foron de ata un 50% menos de chuvia do agardado, mentres que en zonas como a Serra dos Ancares e Courel a porcentaxe de chuvia recollida chegou a duplicar os valores habituais nestas estacións.